Escoitar

O Pleno aproba investimentos no termo municipal por valor de 17 millóns

O Pleno instou hoxe luns o Goberno local a botar man, por medio dunha modificación de crédito, de 17 millóns de euros dos remanentes de Tesourería para financiar un conxunto de actuacións no termo municipal de Vigo.

luns, 24 abr 2006
1145885217pleno240406.jpg
Este acordo, presentado como moción urxente polo BNG, foi recibido inicialmente con reticencia por parte do PP. Así, o concelleiro popular José Manuel Figueroa cualificou a iniciativa dos nacionalistas de "insuficiente" en comparación á proposta de modificación de crédito presentada polo Goberno local na orde do día do Pleno. Con todo, o PP acabou dando o seu voto favorable á moción e, deste xeito, esta resultou aprobada. PSdeG-PSOE e PG abstivéronse.

O acordo aprobado por PP e BNG inclúe, entre outros investimentos, as anualidades do Pazo de Congresos (4,9 millóns de euros), a adquisión do Reitorado (1,3 millóns), as expropiacións de Zamáns (uns 1,2 millóns), a achega a Zona Franca por Vigo 2005 (1,5 millóns), a segunda fase da Travesía de Vigo (850.000 euros) e os campos de fútbol de herba sintética de Cabral, Candeán, Comesaña, Sárdoma e Valadares (600.000).

Ademais, o acordo presentado polo BNG establece unha serie de medidas para permitir que o Pleno controle a execución dos programas de investimento ao longo do próximo ano.

Así, a Comisión de Xestión Municipal terá que revisar e aprobar os proxectos derivados do Plan antes de que a Xunta de Goberno os trate. Tamén antes do seu paso pola Xunta de Goberno, os pregos de condicións dos concursos destes proxectos serán revisados e aprobados pola Comisión de Control da Contratación. Así mesmo, a Comisión de Xestión Municipal encargarase de supervisar a execución e os orzamentos dos proxectos de obras. Ademais, calquera modificación de crédito referida a estas partidas de investimento será sometida á consideración da Comisión de Xestión Municipal.

Por último, segundo o acordo do Pleno de hoxe luns, o futuro convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra será tratado e supervisado pola Xunta de Voceiros, antes de pasar pola Xunta de Goberno Local.
Descargar todas as imaxes