Escoitar

A Concellaría de Benestar Social desenvolve cursos de adestramento da memoria para maiores

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, asistiu hoxe mércores no Centro Cívico do Casco Vello a un dos cursos de adestramento da memoria que se están a levar a cabo dentro do programa "Avellentamento saudable".

mércores, 26 abr 2006
1146054446memoria260406.jpg
Desde o pasado 21 de marzo, estanse a desenvolver cinco destes cursos no Centro Cívico do Casco Vello, os luns, martes e mércores de mañá; un no Centro Cívico de Teis, os martes pola tarde; un no Centro Social do Calvario, os xoves pola mañá; e outro na Asociación Agarimo, nas mañás dos sábados.

Os cursos, que finalizarán o 26 de xuño, teñen unha duración de 12 sesións de 75 minutos cada unha. O número de alumnos é de 20 por clase, sendo o total de 160, dos que 129 son mulleres e 31, homes.

Os talleres de adestramento da memoria están destinados a persoas maiores de 60 anos cun nivel cognoscitivo aceptable. En cada sesión os alumnos aprenden estratexias para recordar, así como pautas de vida que se avalían e modifican semanalmente. Os obxectivos que a Concellaría de Benestar Social persegue con esta iniciativa son:

- Dar a coñecer o funcionamento básico da memoria.
- Cambiar as actitudes e estereotipos negativos sobre a irreversibilidade das alteracións ou o déficit da memoria.
- Estimular o proceso básico da atención.
- Estimular a percepción, a linguaxe e a capacidade lóxica.
- Aplicar as estratexias axeitadas para resolver os fallos de memoria da vida cotiá.
- Promover a aplicación á vida diaria dos coñecementos e hábitos adquiridos nos talleres.
- Mellorar a autoestima dos alumnos.
- Facilitar a comunicación entre os participantes.
- Diminuír a ansiedade previa á tarefa mediante a relaxación e favorecer a súa práctica cotiá.

O éxito destes cursos fixo que a Concellaría concertase dez máis para setembro, cuxa matrícula está xa aberta. Para matricularse hai que presentar unha solicitude por escrito, acompañada dunha fotocopia do DNI, e entregala no Rexistro Xeral do Concello.

Ao longo do mes de setembro, a Concellaría de Benestar Social informará a todos os solicitantes sobre os horarios dos novos cursos, para adecuar a disponibilidade de días e horas ás peculiaridades de cada persoa.
Descargar todas as imaxes