Escoitar

A aprobación do PXOM podería ser levada a Pleno a mediados de marzo

O portavoz do Goberno municipal, Jose Manuel Figueroa, afirmou hoxe martes, despois da reunión da Comisión de Seguimento do Plan Xeral, que o documento podería ser aprobado polo Pleno a mediados de marzo. O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo decidirá a data o próximo martes 28.

martes, 21 feb 2006
Figueroa anunciou tamén que a Comisión de Seguimento decidiu "colgar na rede as contestacións ás alegacións antes do Pleno". O representante do BNG, Henrique Viéitez, engadiu que os interesados poderán coñecer as respostas na propia Xerencia de Urbanismo.

Por outra parte, e de acordo co dictame do secretario do Concello, a petición dun referéndum sobre o PXOM foi rexeitada ao considerarse que a autoridade para convocalo sobrepasa o ámbito de competencias municipal.

No Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo do próximo martes 28, cada grupo poderá presentar as súas conclusións sobre o Plan Xeral e formular as súas propostas de modificación para dito documento.