Escoitar

Corina Porro asegúralles aos armadores que a reordenación do Porto "non mermará" a pesca

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, aseguroulles hoxe luns ao presidente da Cooperativa de Armadores, Ramiro Gordejuela, e ao xerente desta entidade, José Ramón Fuertes, que a reordenación dos espazos portuarios "non mermará para nada a actividade pesqueira".

luns, 20 feb 2006
1140444236armadores.jpg
Corina Porro, que se reuniu cos representantes dos armadores hoxe luns no Concello, mostrou o seu "compromiso" de que "non se van tocar" os peiraos situados nos terreos onde se vai construír o futuro Auditorio-Pazo de Congresos, como tampouco os situados na dársena nº 2, fronte á Cruz Vermella.

A Cooperativa de Armadores demanda que estes espazos, que cualifican como "de moito interese", non se perdan para a actividade pesqueira, polo que os seus considera necesario que se manteñan neles os servizos de atraque e entrada e saída de camións. Os armadores xa lle transmitiron esta demanda á Autoridade Portuaria e aos grupos políticos.

A alcaldesa afirmou que é "imprescindible" un plan de utilización dos espazos portuarios "para que todos os usuarios queden tranquilos", en referencia á preocupación que os armadores lle transmitiron hoxe luns sobre o porvir das súas actividades. Corina Porro engadiu que se deben "gañar espazos para a cidade sen prexudicar actividades fundamentais para o desenvolvemento de Vigo".
Descargar todas as imaxes