Escoitar

Concello e Xunta colaborarán nun programa para a inserción socio-laboral de inmigrantes

O Concello e a Xunta colaborarán para o desenvolvemento dun programa integral de atención, orientación e asesoramento a inmigrantes e emigrantes retornados a Vigo, que ten coma finalidade facilitar a integración social deste colectivo. A alcaldesa, Corina Porro e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asinaron o sábado pasado un convenio con este obxectivo.

luns, 20 feb 2006
O programa consistirá na posta en marcha na cidade dunha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral que desenvolverá actuacións relacionadas con diversos aspectos relacionados coa integración deste colectivo.

Entre estas, inclúense a tramitación de distintos tipos de permisos (de residencia, traballo, adquisición de nacionalidade, etc.); información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral; intervencións individuais e familiares (cun particular seguimento na atención aos menores para garantir o seu dereito á educación); información sobre as iniciativas levadas a cabo pola rede Galega de Atención e Orientación ao Inmigrante e ao Retornado; e a incorporación dos inmigrantes á vida comunitaria.

Para a realización deste programa, a Secretaría Xeral de Emigración achegará dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2006 un total de 78.675 euros, que se destinarán á contratación de persoal da unidade de información, orientación e asesoramento xurídico. O Concello de Vigo asumirá a coordinación do proxecto e achegará as instalacións para o seu desenvolvemento, encargándose así mesmo do mantemento da infraestructura da unidade e dos seus gastos de funcionamento.