Escoitar

A alcaldesa recibe o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na Casa do Concello

A Corporación Municipal, coa alcaldesa, Corina Porro, á cabeza, recibiu hoxe luns no Concello o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, no que foi a primeira visita oficial deste á Casa Consistorial viguesa.

luns, 13 feb 2006
1139840128tour2si.jpg
Tras a benvida da alcaldesa na praza do Rei, o presidente da Xunta saudou os concelleiros na lonxa do Concello. Despois, Touriño, Porro e os portavoces dos grupos políticos municipais reuníronse nas dependencias de Alcaldía. Alí, o presidente asinou no libro de honra da cidade.

Finalizado o encontro cos portavoces, Emilio Pérez Touriño e Corina Porro iniciaron unha conversa que se prolongou durante media hora e na cal trataron varios proxectos en marcha actualmente en Vigo.

Segundo explicou Touriño na rolda de prensa posterior á reunión, desde a súa primeira entrevista con Corina Porro como presidente da Xunta, hai agora seis meses, Vigo ten recibido "boas noticias", polo que se está a abrir ante a cidade "un horizonte de futuro extraordinario" que lle permitirá continuar sendo "o exemplo do que queremos que sexa a Galicia do futuro canto a capacidade de innovación e de influencia". Pola súa parte, a alcaldesa agradeceu o "interese" de Touriño por Vigo e mostrou a súa "absoluta disposición para traballarmos xuntos pola primeira cidade de Galicia".

En primeiro lugar, a alcaldesa asegurou que todas as actuacións que conforman ese horizonte de futuro "serían papel mollado sen un novo Plan Xeral". Así, Corina Porro lembrou que a Xunta "deberá informar en breve o Plan Xeral que Vigo quere", un Plan, dixo, "no que a cidadanía participou como nunca antes". Corina Porro afirmou que o desenvolvemento económico de Vigo non será posible sen a aprobación do novo PXOM, documento que, ademais, "liberará espazo", o que permitirá abaratar o prezo da vivenda, o máis alto de Galicia na actualidade. Sobre o PXOM de Vigo, Emilio Pérez Touriño dixo que "a Xunta espera poder recibir a proposta para proceder ao seu estudo e aprobación".

Por outra parte, a alcaldesa afirmou que "todos estamos de acordo en que Vigo é a cidade do mar", en referencia á proposta do Goberno autonómico de crear un centro que reúna as institucións encargadas da investigación mariña e do desenvolvemento de tecnoloxías do mar. Corina Porro deulle ao presidente da Xunta a súa palabra de que Vigo "está á súa total disposición para pór todo o que sexa necesario" para a Cidade do Mar, e demandou que se inclúa neste proxecto a posibilidade de reunir en Vigo toda a frota oceanográfica española.

Con respecto a outro proxecto relacionado co mar, o da ampliación do Porto, a alcaldesa salientou a sintonía das administracións no que é "un bo acordo", mentres o presidente da Xunta resaltaba que o "Porto do século XXI" duplicará a súa capacidade para contedores e triplicará a de pesca.

Ademais, Touriño reiterou o seu compomiso coa mellora da depuración e abastecemento de auga en Vigo e a súa área metropolitana, a través da declaración de interese xeral e da consecución dos fondos necesarios. Porro definiu a depuración e o abastecemento como "o maior problema" do noso municipio e dos municipios veciños.

Outros asuntos tratados por Emilio Pérez Touriño e Corina Porro hoxe luns foron a creación da Área Metropolitana, cuxa lei, segundo o presidente, se debaterá "ao longo deste ano" no Parlamento autonómico, e a definición da entrada do AVE en Vigo. Con respecto a este tema, Touriño asegurou que o entendemento entre o Concello, a Xunta e o Goberno central garante a saída sur e a integración desta infraestrutura na cidade, que, segundo a alcaldesa, determina que "agora" sexa o momento de abordar a construción dun metro para Vigo. "Pídolle que faga deste o seu proxecto persoal", lembroulle Porro a Touriño.
1139840128tour2si.jpg
1139840155tour4si.jpg
Descargar todas as imaxes