Escoitar

A alcaldesa reúnese con Manuel Varela, director do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR)

A alcaldesa, Corina Porro, reuniuse hoxe venres con Manuel Varela, director do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), para tratar do futuro da investigación e o desenvolvemento en materia marítima.

venres, 10 feb 2006
1139580134MAR100206.jpg
Finalizado o encontro, Corina Porro afirmou que CETMAR "pode ser a alma máter" que impulse o crecemento da investigación en Vigo, de cara a convertela na "cidade do mar, non só no tema pesqueiro, senón tamén nos da transformación e comercialización". Neste sentido, a alcaldesa asegurou que este impulso das actividades marítimas "require investimento".

Pola súa parte, Manuel Varela salientou o carácter de CETMAR como "fundación cun padroado reitor onde están integrados os centros públicos e privados de I+D máis significativos en Galicia", así como os centros político-administrativos relacionados con esta actividade. O director de CETMAR mostrou a súa vontade de empregar o padroado como base que aglutine todos estes centros para conformar "un gran proxecto".

Con respecto ao plan da Cidade do Mar, que a Xunta quere situar nos terreos da ETEA para reunir o Instituto de Investigacións Mariñas, o Oceanográfico e o Laboratorio de Biotoxinas, Corina Porro referiuse ao encontro que manterá o luns co presidente do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, no cal, segundo dixo, porá "a cidade á súa disposición".

O plan da Cidade do Mar foi lanzado o mes pasado pola Xunta e recibiu o apoio do Ministerio de Educación, pero o Goberno local e o BNG de Vigo rexeitárono.
Descargar todas as imaxes