Escoitar

O MARCO acolle a partir de mañá xoves o Festival de Cine Dixital Resfest

Dentro da súa programación de decembro, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acolle a partir de mañá xoves e ata o día 30 a novena edición do Festival de Cine Dixital Resfest. Este festival itinerante, que percorre diversos países dos cinco continentes, mostra os últimos traballos de cineastas independentes e de creadores consolidados no mundo da publicidade e do videoclip.

mércores, 30 nov 2005
1133356705resfest1.jpeg
Despois da súa estrea en Nova Iorque en setembro, Resfest 2005 chega a España e preséntase de maneira simultánea en catro cidades: Vigo (MARCO), Barcelona (Mercat de les Flors), Madrid (La Casa Encendida) e As Palmas (Gran Canaria Espacio Digital).

A presente edición do festival inclúe curtametraxes, prezas de animación e "motion graphics", videoclips e retrospectivas especiais. Trátase dunha ampla mostra de máis de 15 horas de material audiovisual de grande impacto, procedente de todos os recunchos do mundo e seleccionado entre 1.800 pezas recibidas durante o último ano. A exposición deste material permitirá aos espectadores coñecer as novas vías que se están a abrir na linguaxe cinematográfica por medio da imaxinación e do uso creativo das novas tecnoloxías dixitais.

No programa de 2005 destacan as tres seleccións de curtametraxes e os videoclips de música electrónica e de rock independente (incluídos nas seccións "Cinema Elctronica" e "Videos that rock!"), así como as pezas de deseño gráfico en movemento e a animación experimental do apartado "By design".

Por outra parte, as retrospectivas deste ano están dedicadas aos vídeos do músico norteamericano Beck e ao colectivo de directores escandinavos Traktor, autores de premiados traballos publicitarios e videoclips.

O programa complétase cos apartados monográficos "Cut and Paste" ("Cortar e pegar"), dedicado aos audiovisuais baseados na reciclaxe, e "Triple threat" ("Tripla ameaza"), no cal participan tres dos novos directores máis afamados de Asia, Europa e os Estados Unidos.

Ademais, por primeira vez Resfest inclúe unha sección centrada no cine dixital español, co título de "Resfest Spain". A obra seleccionada para este apartado é "Ergotango", do vigués Marcos Mosquera.

Programación de decembro

De xeito pararelo a Resfest 2005, durante o mes de decembro continuarán abertas no MARCO as exposicións "Chikaku, tempo e memoria en Xapón", "A patria está ao virar na esquina. Fotografía contemporánea de Austria", "Aberto por obras. Procesar" e "Un mar de fotos". Entre tanto, a biblioteca-mediateca do MARCO acollerá unha exposición bibliográfica para complementar a mostra de fotografía austríaca e un directorio web dedicado á arte xaponesa contemporánea, como complemento á exposición "Chikaku".

Ademais, dentro da programación didáctica do museo, desenvolveranse talleres de Manga para maiores de 14 anos e para nenos e obradoiros infantís de papiroflexia. Pódense obter máis detalles destas actividades no anexo a esta noticia.
1133356705resfest1.jpeg
1133356734resfest2.jpeg
1133356782resfest3.jpeg
Descargar todas as imaxes