Escoitar

A Concellaría da Muller difunde entre os escolares a historia das mulleres que dan nome a topónimos de Vigo

A Concellaría da Muller está a distribuír entre os centros escolares de Vigo uns folletos titulados "Con nome de muller". Con eles, pretende facer que os nenos e nenas coñezan as figuras de 13 mulleres que dan os seus nomes a outros tantos topónimos do noso municipio.

martes, 29 nov 2005
Estas mulleres son Concepción Arenal, a condesa de Casa Bárcena, Fermina Alonso Lamberti, Inés Pérez de Ceta, Julia Minguillón, María Berdiales, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán, Marie Curie, Maruja Mallo, Olimpia Valencia, Purificación Saavedra e Rosalía de Castro.

Cos seus nomes identifícanse 13 topónimos de Vigo, do total de 44 asignados ás mulleres. Dos restantes, tres corresponden a personaxes da realeza, 14 á Virxe ou a santas e outros 14 teñen un sentido descritivo ou de actividades, tales como camiño de Felisa e fonte das Mozas.

Con esta iniciativa, a Concellaría da Muller quere chamar a atención sobre o cativo da presenza feminina no rueiro de Vigo, contribuíndo, ademais, a que a historia das poucas mulleres cuxo nome acabou formando parte da toponimia sexa coñecida.