Escoitar

Tráfico ultima a restrición do tráfico de camións de máis de dez toneladas no centro urbano

O Departamento de Tráfico do Concello ultima os detalles da sinalización que regulará a circulación de camións de máis de 10 toneladas dentro do núcleo urbano de Vigo, a partir dunha proposta, elaborada en colaboración coa Universidade, que determina os percorridos admitidos para estes vehículos.

martes, 29 nov 2005
1133271890traficopesado.jpeg
O Concello quere restrinxir o tráfico de camións de máis de 10 toneladas dentro do municipio de Vigo para evitar o paso destes vehículos polas vías urbanas, logrando así sensibles descensos da contaminación ambiental e acústica e aumentando a seguridade.

Este proxecto ten como referente a actual ordenanza de tráfico, que o Concello considerou necesario adaptar aos novos fluxos de tráfico pesado e ás novas infraestructuras urbanas existentes ou previstas, que dan conta do gran desenvolvemento experimentado por Vigo nos últimos anos.

A proposta de restrición ten en conta os principais polos de atracción de tráfico pesado xerados pola actividade empresarial da cidade. Estes polos son os seguintes: Zona Franca-Citroën-Caramuxo, Bouzas-Porto Pesqueiro-Guixar-Teis, Seminario-Alcampo-A Bagunda-Lavadores, Vincios, Parque Tecnolóxico e Loxístico, e Rebullón-Puxeiros-Peinador.

Baseándose nestas localizacións, a proposta establece todos os percorridos de entrada e de saída a estes polos sobre un plano do municipio. Os percorridos en cuestión son os únicos onde se permitirá o tráfico de vehículos de máis de 10 toneladas. Os itinerarios discorren practicamente no seu conxunto por vías de alta capacidade, deixando libre de tráfico pesado todo o núcleo urbano a excepción do tramo entre O Berbés e Bouzas que cerra a Ronda do Mar.

No caso de que aparezan problemas de tráfico pesado puntuais non contemplados neste estudo, o Departamento de Tráfico porá en marcha solucións alternativas xa utilizadas noutras ocasións, como a implantación de horarios especiais de acceso á cidade e/ou percorridos alternativos aos propostos, sen alterar a actividade empresarial actual ou futura.
Descargar todas as imaxes