Escoitar

O Consello Social da Lingua apoia a candidatura galego-portuguesa a Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade

O Consello Social da Lingua Galega do Concello de Vigo, reunido onte xoves, 27 de outubro, declarou o seu apoio á candidatura do patrimonio oral galego-portugués a Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, distinción que concede a UNESCO.

luns, 31 out 2005
1130509728patrimonio.jpeg
O Consello Social da Lingua Galega únese así á lista de entidades sociais e institucionais que xa manifestaron o seu compromiso con esta candidatura. Nesta lista están, entre outros organismos, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, os ministerios de Cultura e Agricultura de Portugal, o Parlamento español, a ambaixada do Brasil na Unión Europea, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

A candidatura do patrimonio oral galego-portugués é promovida pola asociación cultural e pedagóxica "Ponte nas ondas!", co apoio de entidades e institucións galegas e portuguesas, e presentouse perante a UNESCO en outubro de 2004. En agosto de 2005 recibiuse a comunicación de que era unha das candidaturas finalistas para obter esta distinción, que se outorgará o vindeiro 25 de novembro.

O patrimonio inmaterial intanxible, tal e como o define a UNESCO, é "o conxunto de formas da cultura, tradicional, popular ou folclórica, é dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e que se basean na tradición".

O patrimonio inmaterial que comparten os pobos galego e portugués abrangue un número considerable de manifestacións culturais (literatura, música, etnografía…) que perviviron na área xeográfica de Galicia e do norte de Portugal a través de 2000 anos e que por mor de recentes cambios sociais e económicos está esmorecendo e, nalgúns casos, en serio perigo de desaparición.

A proclamación do patrimonio común como Obra Mestra suporá un recoñecemento internacional para todas estas formas de expresión que se mantiveron na memoria colectiva de ambos os dous pobos e que constitúe un tesouro que o Consello Social da Lingua Galega se compromete a manter de cara ao futuro. Ademais, o Consello considera que esta proclamación implicará importantes repercusións económicas en sectores tan importantes como o turismo, o desenvolvemento rural e a pesca.
Descargar todas as imaxes