Escoitar

A segunda sesión do ciclo “As imaxes do amor” do Festival Are More contará co grupo vocal italiano Odhecaton

O grupo vocal italiano Odhecaton, dirixido por Paolo da Col, protagonizará o concerto correspondente a segunda sesión do ciclo “As imaxes do amor” do Festival Are More o vindeiro domingo, día 30 de outubro. A Parroquia-Santuario María Auxiliadora será o escenario no que Odhecaton interpretará, ás 20.45 horas, “Tota pulchra es”, baseado na devoción mariana na polifonñia franco-flamenca, e será de entrada libre ata completar o aforo.

venres, 28 out 2005
1130503609odhecathon.jpg
Odhecathon
Odhecaton, fundado en 1998, é un grupo vocal italiano que fixo unha gran entrada no mundo da polifonía renacentista e que recibiu, na súa curta existencia, as maiores distincións discográficas para cada un dos discos que ten producido e as mellores críticas da prensa especializada.

O seu nome, que significa cen cancións, deriva do Harmonice Musices Odhecaton, primeira edición musical enteiramente dedicada á música e publicada en Venecia por Ottaviano Petrucci en 1501.

A agrupación, que reune algunhas das millores voces masculinas italianas especializadas na execución da música do Renacemento e Preclasicismo, inclúe no seu repertorio a produción musical de compositores italianos e flamencos do Quatrocento e o Cinquecento.

No concerto, participarán como solistas os contratenores Alessandro Carmignani, Gianluigi Ghiringhelli e Renzo Bez, os tenores Paolo Fanciullacci, Mauro Collina e Luigi Pagliarini, e os baixos Giovanni Dagnino e Marcello Vargetto.

Odhecaton gravou en cedé diversos programas dedicados respectivamente á música de Nicolas Gombert, Heinrich Isaac e Josquin Desprez. Ademais, gravou tamén Un libro de horas de Isabel a Católica e a Missa Galeazescha de Loycet Compère, coa colaboración do conxunto La Reverdie, de Gabriele Cassone e Liuwe Tamminga.

En canto ao seu director, cantante e organista, Paolo da Col, completou os seus estudos musicais e de musicoloxía en Bolonia, e dende moi novo interesouse polo repertorio musical do Renacemento e do Barroco.

Formou parte durante mais de vinte anos de numerosas formacións vocais italianas como a Capella di San Petronio di Bologna e o conxunto Istitutioni Harmoniche di Bologna. É profesor do Conservatorio de Trieste, dirixe xunto a Luigi Fernando Tagliavini a revista L’Organo, colabora como crítico musical no Giornalle della Musica e outras revistas especializadas. Ademais, é responsable do catálogo de música do editor Arnaldo Forni de Bolonia e de ensaios sobre a historia da música vocal do Renacemento e Barroco.
Descargar todas as imaxes