Escoitar

A Fundación Pedro Barrié de la Maza ofrece unha exposición sobre a historia industrial de Galicia

A Fundación Pedro Barrié de la Maza ofrece na súa nova sede en Vigo, que será inaugurada mañá pola alcaldesa, Corina Porro, a exposición "Galicia industrial (c.1750-2005)". Esta mostra contextualiza, seguindo unha pauta cronolóxico-temática, os máis salientables episodios, empresas e personalidades da historia industrial galega.

xoves, 27 out 2005
1130418968coche.jpg
A exposición, que permanecerá aberta desde mañá, 28 de outubro, ata o 22 de xaneiro de 2006, está composta por 141 obxectos, entre máquinas, enxeños, maquetas, patentes e outros documentos orixinais, así como por centenares de imaxes e unha decena de audiovisuais, procedentes de máis de 50 empresas, institucións e coleccións privadas.
"Galicia industrial" está estructurada en catro módulos subdivididos en varios ámbitos.

Así, o primeiro módulo, "Saída en falso (c-1750-c.1880), parte da industria galega do liño, rural e espallada, para ver as diferentes iniciativas que se materializaron a ta os noso días. Neste módulo tamén se inclúe a cerámica tradicional, da metalurxia e dos primeiros altos fornos de España. Así mesmo, está o mundo do mar, coas posibilidades que ofreceu a pesca e os seus métodos de conservación, dos cales saen a salgadura e as industrias marítimas. Outras industrias desta primeira época son a do curtido e a do tabaco.

O segundo módulo, "A industria chegou do mar", vai de 1880 a 1936 e narra o paso da salgadura á conserva, motor da industrialización de Vigo e, por extensión, de Galicia, grazas ao desenvolvemento de industrias auxiliares, como a dos asteleiros. No interior serán as fragas as que convirtan a Galicia en líder do sector madeireiro español.

Estes progresos na industrialización foron interrompidos pola Guerra Civil. As empresas galegas tiveron que sobrevivir nos anos de autarquía e illamento internacional, mesmo producindo aquilo que non se podía importar. A guerra europea supuxo unha oportunidade para Galicia, porque aquí abondaba o volframio tan cobizado polos alemáns.

A exposición mostra tamén os esforzos dos empresarios do sector naval e da conserva para se adaptaren ás dificultades da posguerra, e como nacen, impulsados fundamentalmente pola banca, novos proxectos entre os cales sobresae a explosión hidroeléctrica, que dá título a este terceiro módulo. Así, FENOSA, creada a través do Banco Pastor, pode ser cualificada com o a achega máis importante de Pedro Barrié de la Maza á industrialización de Galicia. A exposición amosa como a electrificación influíu no despegue da industria química, así como nos triunfos de empresas agroalimentarias e de investigación.

O derradeiro capítulo da mostra vai desde a crise de 1973 ata hoxe, un periodo marcado pola reconversión das empresas. Aquí achamos a industria do automóbil, que toma o relevo da naval como motor industrial de Vigo, converténdose na primeira de Galicia. Tamén a industria conserveira se tivo que adaptar aos difíciles tempos da transición e da reconversión, e obsérvase como adquiriu dimensións transnacionais grazas á diversificación. Outro tanto ocorreu co téxtil e a moda, sectores nos cales Galicia figura hoxe con nome propio no mundo.

Estes anos de crise e de entrada na democracia e no mercado común supuxeron un desafío para as empresas galegas, que nalgúns casos converteron en multinacionais, mentres que noutros foron absorvidas por compañías foráneas.

"Galicia industrial" relata deste xeito a forma que adoptaron en Galicia a primeira e a segunda revolución industrial, precisamente cando xa estamos inmersos na terceira.
1130418968coche.jpg
1130418980inditex.jpg
Descargar todas as imaxes