Escoitar
Pascual Osa dirixirá á Orquestra Filarmonía no Teatro Fraga-CaixaGalicia ás 18.00 horas

Fernando Argenta presenta o sábado o seu concerto para familias no marco do Festival Are More

O vindeiro sábado, 29 de outubro ás 18,00 horas, o Teatro Fraga-CaixaGalicia acollerá a actuación “Fernando Argenta en concerto... en familia” interpretada pola Orquestra Filarmonía dirixida por Pascual Osa.Este concerto, para o cal xa están esgotadas as entradas, forma parte do ciclo “A formación de públicos no Are More”, unha das novidades que presenta a edición do Festival de Música de Vigo deste ano.

xoves, 27 out 2005
1130418997argenta.jpg
Fernando Argenta
Da man do director do programa de televisión “El conciertazo”, creado no ano 2000 por Fernando Argenta, a Orquestra Filarmonía interpretará obras de Beethoven, Tchaikowsky, Bizet, Rossini e Strauss da forma mais divertida para achegar a música clásica a todos os públicos.Ademais da súa faceta como organizador e presentador de concertos e óperas infantís, coa que ten realizado por España unha media de oitenta concertos ao ano dende 1985, na traxectoria profisional de Argenta destaca tamén a de conferenciante, escritor e por suposto, de locutor de radio. De feito, entrou en Radio Nacional de España no ano 1971, onde creou “Clásicos populares”, programa co que ten acadado numerosos premios e distincións como so Ondas e os Premios de Música da SGAE entre outros, e dende 1986 ata 1989 foi director, primeiro de Radio 3 e logo de Radio 1.

Pola súa banda, a Orquesta Filarmonía rexurdiu grazas a iniciativa do seu director titular, Pascual Osa, e un grupo de novos profesionais cun gran potencial artístico. Actualmente, e dende o ano 2000, teñen realizado a maioría das gravación do programa de televisión “El conciertazo”, con Fernando Argenta.

A orquestra ten actuado en diversos auditorios de prestixio, como o Auditorio Nacional de Música de Madrid, o Teatro Real de Madrid e o Teatro Arriaga de Bilbao, entre outros, nos que as súas interpretacións de obras como a Novena Sinfonía de Beethove, o Requiem de Verdi, e a ópera Carmen de Bizet teñen acadado grande éxito tanto de crítica como de público.

Ademais, foi a orquestra escollida por Les Luthiers para montar o seu espectáculo sinfónico Grosso Concerto, co que percorreron boa parte de España no verán do 2004.

En canto ao seu director titular, Pascual Osa, nomeado no ano 2000, cursou estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Madrid, e perfeccionou seus coñecementos en Berlín, co profesor Oswald Vogler, e asiste a diversos cursos para ampliar a súa formación de dirección de orquestra, como os celebarados en Siena co mestre Ferdinand Leitner, en Sttugart co mestre Helmut Rilling ou en Massachussetts, da man dos mestres Seiji Ozawa e Bernhard Haitink. De 1985 ao 2001 foi profesor titular da Orquestra Nacional de España e de 1999 a 2001 solista da mesma.

Ademais, colaborou coa Orquestra Filharmónica de Israel con Zubih Meta e ten dirixido a Savaria Chamber Orquestra de Hungría, a Orquestra de Alto Perfeccionamento de Saluzzo en Italia, a Nova Orquestra Nacional de España, a Orquestra e Coro Nacionais de España, A Orquestra e Coro de RTVE, a Orquestra Filharmonica de Brno na República Checa, a Orquestra Filharmonica de Pleven en Bulgaria e a London Philharmonic Orquestra, entre outras.

Por outra banda, ten realizado numerosas gravacións de Chubert, Stravinski, Wagner, Tchaikowski e Verdi e dirixido musicalmente as produccións das tepadas de zarzuela de Lima e Quito.

O seguinte concerto no marco do ciclo “A formación de públicos no Are More” será o vindeiro 5 de novembro tamén no teatro Fraga-CaixaGalicia, cando a compañía de títeres Karromato, da República Checa, interpretará “A festa do emperador” con música de Mozart.
Descargar todas as imaxes