Escoitar

O Concello e a Xunta danlles aos promotores de Navia quince días para limparen vías e beirarrúas

O Concello de Vigo e a Xunta de Galicia déronlles aos promotores do PAU de Navia un prazo improrrogable de quince días para que limpen as vías e beirarrúas desa urbanización, como paso previo para a reparación dos desperfectos causados polas obras que se están a realizar na zona.

venres, 28 out 2005
1130507430navia2810.jpg
Despois da reunión mantida hoxe venres en Vigo co delegado provincial da Consellaría de Vivenda e Solo, Eladio Álvarez, e os promotores de Navia, o xerente de Urbanismo, Xavier Rivas, supeditou a recepción de obras por parte do Concello, requisito necesario para outorgar licenzas, á "colaboración, orde e disciplina" destes últimos. Segundo Xavier Rivas "hoxe non é posible esa recepción" debido a problemas de salubridade e seguridade.

O xerente de Urbanismo asegurou que o Concello "está disposto a actuar coa máxima firmeza" para que os promotores "reduzan a ocupación das obras, ordenen os procedementos e liberen superficies de solo destinado a uso público, especialmente as vías", así como para que "reparen todo aquilo que teñan deteriorado".

Pola súa parte, o delegado provincial de Vivenda engadiu que os servizos da Xerencia de Urbanismo e da Consellaría "vixiarán" o cumprimento destas esixencias e que
se paralizarán as obras dos promotores que non se axusten a elas. O obxectivo da Consellaría, segundo dixo Eladio Álvarez, é garantir "as condicións mínimas de salubridade en toda a urbanización".

O delegado provincial afirmou que se está a realizar, de cara a un "proxecto de reurbanización", un estudo "para coñecer os verdadeiros problemas de Navia e determinar quen son os responsables".

Por último, Eladio Álvarez anunciou que no prazo de 20 días ou un mes a administración autonómica iniciará as reparacións necesarias no PAU de Navia. Para daquela, dixo, "teremos feito unha diagnose dos problemas, esbozado o proxecto e poida que iniciado as actuacións máis urxentes" nesa urbanización.
Descargar todas as imaxes