Escoitar

Vigo celebrará a noite de San Xoán con 16 luminarias

O Rexistro Xeral recibiu 16 solicitudes para a elaboración de luminarias na noite de San Xoán a cargo de diferentes asociacións da cidade. O Corpo de Bombeiros e a Policía Local pregan o cumprimento das normas para evitar incidentes.

martes, 21 xuñ 2005
Achégase a noite de San Xoán e o Concello de Vigo lanzou un bando que regula a normativa coa que os cidadáns deben proceder á realización das populares fogueiras. As persoas, organizacións ou comunidades que tiñan previsto facer unha fogueira pediron xa o conseguinte permiso ao Rexistro Xeral. A solicitude irá acompañada dunha póliza de responsabilidade civil cunha cobertura de 150.000 euros, xa que os solicitantes son responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.

As fogueiras deben estar finalizadas con dous días de antelación á queima, que ten lugar durante a noite do 23 ao 24 de xuño. Desta maneira as autoridades poden levar a cabo a inspección das mesmas. Este ano chegaron ao Rexistro Xeral 16 luminarias procedentes de distintas asociacións veciñais e culturais da cidade.

Entre as normas esixidas polo Concello e que deben respectarse por todos os solicitantes está a separación mínima de 12 metros entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan ser danados. O corpo de bombeiros advirte do perigo pola existencia de bidóns do lixo, canalizacións de gas, tendido eléctrico, vehículos e materiais inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites e calquera substancia que desprenda fumes tóxicos, así como recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros. O volume máximo permitido para as fogueiras é de 8 metros de diámetro e 3 metros de altura e en caso de facerse sobre terreos públicos, lousados ou asfaltados e pintados, debe protexerse o firme cunha capa de area de dez centímetros. Queda expresamente prohibida a realización de fogueiras nas praias.

A Policía e o Corpo de Bombeiros non disporán de efectivos extra para cubrir esta noite xa que o habitual é que transcorra sen incidentes, aínda que a Policía Local percorrerá os lugares onde se fan tradicionalmente luminarias e aglomérase a xente.

Consellos de autoprotección

Como medidas de autoprotección o Corpo de Bombeiros aconsella que a xente leve pantalóns vaqueiros e camisas ou camisetas de algodón, evitando os tecidos de fibra sintética, que arden con moita facilidade. En caso de prenderse as roupas débese tratar de apagalas cunha manta ou prendas que non sexan de fibra ou ben rodando polo chan. O ideal sería contar cun extintor de man ou cubos de auga preparados. Os bombeiros recomendan tamén beber con moderación.

Máis información