Escoitar

O Goberno comprométese a informar aos grupos políticos do estado das xestións dos acordos plenarios

Foi a resposta do voceiro, Xosé Manuel Figueroa, á moción conxunta que presentaron os grupos políticos da oposición instando ao Goberno a cumprir os acordos plenarios e informar aos grupos do estado das xestións. José Manuel Figueroa afirmou a intención do Goberno de cumprir sempre os acordos e dar conta deles.

luns, 30 mai 2005
O Pleno da Corporación celebrado hoxe luns no Concello de Vigo contou cun total de once mocións, a última delas conxunta entre os tres partidos políticos que forman a oposición. A primeira moción do PG fixo referencia á priorización da remodelación da avenida de Madrid por parte de Fomento, dende a praza de España ata o cruce desta avenida coa futura Rolda de Vigo. O exceso de tráfico e as constantes retencións nesta importante arteria de entrada e saída da cidade fan necesario, segundo o PG, ao menos a habilitación dun carril por sentido e dotalas de novas vías de servizo. A proposta foi votada a prol de xeito unánime polo Pleno, ao igual que a segunda das súas mocións acerca de establecer outra quenda de inspección polas tardes no Porto de Vigo.

O BNG presentou, entre outras, a moción de instar á Consellería de Sanidade a manter en funcionamento durante o verán todas as camas hospitalarias da área de Vigo. Segundo o BNG a cidade de Vigo ten unha considerable carencia en materia de camas de hospitais ao contar con 1.149 no Chuvi e 349 máis concertadas con Povisa, o que nun área sanitaria de 560.000 persoas da unha media de 2,65 camas por cada 1.000 habitantes, cantidade aínda afastada ás 2,9 camas/1.000 habitantes que hai na Coruña e a media de 3/1.000 na totalidade da Comunidade Galega, por non falar da media española (3,5/1.000) ou de comunidades como Navarra (5/1.000), expuxo o grupo nacionalista. Nos meses de verán, o Hospital do Meixoeiro pecha unha unidade con 34 camas entre xuño e setembro e outra de 30 máis os meses de xullo e agosto. A esto hai que engadir o peche dunha unidade de 30 camas de media-longa estancia no Hospital "Nicolás Peña" o que deixa o servizo moi minguado. O concelleiro Ignacio López Chaves defendeuse destas críticas expoñendo algúns datos en canto a listas de espera e número de habitantes do área sanitaria viguesa que vendrían a reducir estas ratios, pero recoñeceu que en materia de Sanidade aínda débese mellorar. A proposta do BNG foi votada con todos os grupos a prol.

O Bloque presentou outra moción que contou coa disparidade dos grupos políticos e foi a instancia ao Pleno a felicitar aos maxistrados da Audiencia de Pontevedra pola súa actuación no proceso contra o alcalde de Crecente, acusado de delicto electoral polo carrexo de votos levado a cabo nas eleccións municipais do 99. A moción propón tamén instar ao Goberno a realizar os cambios necesarios na lexislación para que este tipo de conductas sexan tipificadas como delicto. Segundo Ventura Pérez Mariño, non é unha boa práctica que se empece a felicitar ao poder xudicial polo cumprimento do seu traballo xa que este debe ser independente e se fai de acordo co ordenamento xurídico e a Constitución. Doutra parte, a instancia a modificar a lexislación sería máis propio facela "dende a representación parlamentaria", dixo Mariño. O moción saíu adiante cos votos a prol de PG e BNG e as abstencións de PSOE e PP.

O resto das proposicións do BNG sobre a iluminación na rotonda do Camiño do Portal, o cumprimento do convenio de cancelación da débeda Concello-Autoridade Portuaria, as actuacións no camiño da Fonte Santa e a negociación coa Xunta para unha xestión conxunta dos comedores escolares foron aprobadas por unanimidade.

O PSOE propuxo a elaboración dunha guía de cláusulas sociais para a súa inclusión nos procesos de contratación do Concello que permitan outorgar algunha puntuación a persoas en situación ou risco de exclusión social, tendo como obxectivos combater o desemprego xuvenil, a formación profesional e a supresión da discriminación.

A totalidade dos grupos políticos da oposición asinaron unha moción conxunta na que acusaban ao Goberno de non cumprir ou demorar neglixentemente os acordos plenarios presentados polos demais grupos, acordos aprobados tamén polo Goberno, segundo a moción, por unha cuestión de imaxe. O concelleiro Xosé Manuel Figueroa considerou que o grao de cumprimento dos acordos plenarios é razoablemente alto, explicando que das 89 mocións presentadas polo BNG no que vai de ano 40 foron trasladas as administracións correspondentes e 9 retiradas. Das 36 do PSOE 13 foron trasladas e 3 retiradas e das 38 contabilizadas polo PG 20 foron trasladadas ás autoridades competentes e 4 retiradas. Polo tanto, dixo Figueroa, das 163 mocións presentadas, o 45% xa foron trasladadas á administración competente e do 55% restante, o 37% están executados ou se atopan en estado de execución.

O voceiro do Goberno comprometeuse a informar dilixentemente a cada un dos grupos políticos do estado das xestións derivadas dun acordo presentado por eles, tanto se é competencia do Goberno como si se transmitiu a outra administración. Figueroa dixo tamén que cada acordo que se tome no sucesivo deberá ir vinculado aos remanentes de tesourería e que o Pleno terá que aprobar a modificación orzamentaria correspondente.