Escoitar

O Goberno municipal tramita a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local autorizou os gastos de 172.000 euros anuais para a prestación dos servizos de xestión da escola infantil municipal "Santa Cristina de Lavadores" e doutros 12.000 euros anuais para a adquisición de material non inventariable necesario para a posta en marcha desta escola de acordo coa proposta de xestión do licitador que resulte adxudicatario.

luns, 30 mai 2005
Así mesmo, a Xunta de Goberno Local autorizou uns gastos idénticos para a escola infantil municipal "Atalaia de Teis".

A Xunta de Goberno tamén decidiu outorgarlle unha subvención á Fundación Provigo e á súa Área por importe de 36.000 euros. Esta cantidade destinarase ao financiamento da actividade do Instituto de Estudos Vigueses correspondente ao ano 2005, cubrindo así o 86% do orzamento total do seu programa.

Tamén resultou aprobado o borrador de convenio de colaboración entre o Concello e Faro de Vigo para o desenvolvemento dunha campaña institucional sobre o programa de Alcaldía "Vigo 05". Neste convenio, Alcaldía comprométese a achegar a cantidade de 24.360 euros, custe da campaña publicitaria, en tanto que Faro de Vigo asume a promoción do proxecto e a distribución dunha pulseira xunto co diario correspondente.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo ao proxecto de convenio de colaboración entre o Concello e a "Casa de Reposo Nuestra Señora de la Salud" para a prestación do servizo de atención a persoas enfermas e excluídos sociais en situación de extrema necesidade. Así, o servizo que presta esta entidade de forte arraigo será financiado polo Concello cunha cantidade de 17.000 euros anuais.

Así mesmo, autorizouse o gasto de 6.700 euros cada ano para financiar un convenio de colaboración entre o Concello e a Universidade de Vigo. Este convenio ten por obxectivo a realización dunha programación conxunta de exposicións na Casa Galega da Cultura. A cantidade disposta servirá para producir o material básico de difusión das exposicións (folletos, cartel, invitacións e sobre, lona exterior do edificio, etc.).