Escoitar

Vigo-Zoo organiza un concurso de fotografía dixital con motivo do 1º de maio

Vigo-Zoo organiza, para aqueles que visiten as súas instalacións na xornada de portas abertas do próximo 1º de maio, o seu primeiro concurso de fotografía dixital, no que se premiarán as fotografías que mellor representen o zoolóxico.

venres, 29 abr 2005
1114779348camaleon.jpeg
Vigo-Zoo organiza, co patrocinio de El Corte Inglés, o primeiro concurso de fotografía dixital dirixido ao público que visitará as instalacións do zoolóxico na xornada de portas abertas do próximo domingo 1º de maio. O obxectivo deste concurso é promocionar o zoo e as actividades que nel se realizan.

Poden participar todas as persoas que visiten Vigo-Zoo o 1º de maio. Terán que ser fotógrafos amateurs e poderán utilizar tanto cámaras dixitais como cámaras convencionais en soporte dixital. Hai tres categorías: junior (ata os 17 anos), senior (de 18 a 64 anos) e master (a partir dos 65 anos).

As fotografías deberán ser inéditas e non poderán ter participado en calquera outro concurso ou certame. Os concursantes entregarán seis fotografías, unha soa por cada un dos seguintes temas: o zoo, os animais, a conservación, vida e natureza, xente e ¿que mellorarías? As fotografías deberán ter un tamaño de 400 kb e terán que presentarse en formato jpeg/jpg.

Despois da visita ao zoolóxico enviaranse as fotografías mediante correo electrónico ou directamente en soporte CD ou diskette. O prazo de entrega abrirase o 1 de maio e finalizará o seguinte día 9.

O xurado, composto por persoal de Vigo-Zoo, valorará as fotografías tendo en conta a súa creatividade e a relación que mostren entre a imaxe e o tema solicitado. O fallo do concurso, que será inapelable, farase público o 12 de maio e comunicarase individualmente aos premiados. Se o xurado así o estimase todos ou algún dos premios poderían quedar desertos.

Dentro de cada unha das tres categorías haberá tres premios, subvencionados por El Corte Inglés. O primeiro é unha cámara dixital; o segundo, unha tarxeta de regalo de El Corte Inglés valorada en 100 euros; e o terceiro, unha tarxeta de regalo de El Corte Inglés valorada en 50 euros.

As fotografías quedarán en poder de Vigo-Zoo. Os participantes cederán todos os dereitos de imaxe relacionados con elas a efectos publicitarios, divulgativos e promocionais, e aceptarán como única contraprestación os premios que poidan obter.
Descargar todas as imaxes