Escoitar

O mundial de motonáutica tamén se disputará en Vigo

Vigo será este verán a cidade con mais proxección no mundo dos deportes acuáticos. Á saída da copa do mundo de vela únese agora unha das probas puntuables para o campionato do mundo de motonáutica, unha serie de carreiras de grande vistosidade que terán lugar os días 13, 14 e 15 de agosto.

luns, 21 feb 2005
1108995229moto.jpg
A cidade de Vigo será escenario no mes de agosto doutro evento deportivo de primeiro orde. Para completar a saída da Volvo Ocean Race, Vigo aloxará a carta proba puntuable para o mundial de motonáutica. O Gran Premio Cidade de Vigo será o único celebrado en España xunto co de Mallorca, sendo tamén países que optan a algunha destas probas Corea, Emiratos Árabes ou Qatar.

O promotor mundial de Boat GP en España, José Luis del Palacio, comentou a espectacularidade desta proba na que as embarcacións van a mais de 200 quilómetros por hora sobre o auga. "É coma se voasen baixiño", dixo. As datas previstas para as probas son 13, 14 e 15 de agosto e o número de pilotos en competición irá de 25 a 30, dunhas 15 nacionalidades distintas.

A proba que terá lugar en Vigo é unha das mais populares en motonáutica. Trátase dunha carreira de velocidade a un circuíto marcado con boias de maneira que o público pode visualizar todo o conxunto. En total se dan 42 voltas ao circuíto, tardando uns 35 minutos por carreira.

O promotor local do campionato, Eduardo da Vila, comentou que o último día haberá outra proba, o Match Race, tal vez mais espectacular xa que compiten os mellores tempos en carreiras de dous contrincantes e con moi poucas voltas, polo que saen carreiras moi axustadas e onde tódolos pilotos votan o resto.

Segundo ambos promotores, o campionato de motonáutica é unha proba moi vistosa e de gran repercusión mediática, que servirá para ofrecer a cara mais internacional da cidade e resultará un excelente complemento para a Volvo Ocean Race.
Descargar todas as imaxes