Escoitar

O cantautor vigués Samuel Leví presentará o próximo sábado o seu último disco

Samuel Leví, cantautor nado en Vigo hai 22 anos, presentará oficialmente este sábado ás 23 horas, no Auditorio do Centro Cultural Caixanova, o último traballo discográfico da súa creación, titulado "Turno de noche".

mércores, 1 dec 2004
1101911996levi.jpg
Poucos se atreverían a desafiar unha industria tan estructurada e comercial como é a discográfica, e menos cando se está empezando. Pero este é o caso de Samuel Leví, a quen as mostras de desconfianza e os consellos prácticos non fan desistir da súa intención de vivir da música. De feito, Samuel afirma que "é máis enriquecedor conseguir as cousas co meu propio esforzo que andar o camiño con moitas axudas".

Agora, cando xa van sete anos desde os seus inicios neste mundo, o cantautor vigués presenta na súa cidade natal o seu último traballo. "Turno de noche" consta de 15 cancións interpretadas por Samuel Leví coa colaboración de Paco Dicenta na producción, Diego Pacheco na guitarra, Mónica de Nut coa voz e Luis Eduardo Aute, quen escribiu un dos temas.

Con este disco, Samuel Leví pretende conservar "unha liña distante, sen introducirme no mercado discográfico de cheo, senón mantendo a independencia cun traballo natural e auténtico". O prezo das entradas varía entre 5 e 8 euros, dependendo da antelación con que se compren.
Descargar todas as imaxes