Escoitar

Concello e sindicatos asinan un convenio en materia de información e participación cidadá

Lucía Molares, concelleira Delegada da Área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, asinou esta mañá un convenio de colaboración en materia de información e participación cidadá coas Unións Comarcais dos sindicatos UXT, CCOO e CIG.

mércores, 1 dec 2004
1101911871sindicatos.jpg
O obxecto deste acordo é regular a colaboración e cooperación entre o Concello e os sindicatos, para permitir a prestación descentralizada dun servicio de información e atención á cidadanía. Ademais, o convenio inclúe o desenvolvemento de xornadas informativas e charlas-coloquio. Estas iniciativas estarán destinadas ao público en xeral, e en particular aos afiliados das respectivas seccións sindicais. O acceso será público e gratuíto.

O orzamento das actividades previstas no convenio é de 41.455 euros, que se repartirán entre os tres sindicatos. A vixencia do acordo será do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2005, sendo este prazo prorrogable durante os seguintes tres anos.

Lucía Molares recoñeceu "o labor que os sindicatos viñeron realizando nos últimos anos" e dixo esperar que a colaboración entre estes e o Concello "nos poida levar a ofrecer unha mellor información e uns mellores servicios aos cidadáns de Vigo". Pola súa banda, os representantes sindicais agradeceron a vontade da concelleira de manter e renovar este convenio.

Así, Santos Héctor Rodríguez, da UXT, declarou que o obxectivo da súa central é "mellorar este compromiso e ser fiel ao seu espírito. O representante de CCOO, Xosé Cameselle, asegurou que "a disposición da concelleira foi clave" de cara a "ofrecer uns servicios que implican a moitos colectivos cidadáns". Por último, Xerardo Abraldes, da CIG, afirmou que o convenio asinado hoxe supón "un recoñecemento do labor desempeñado polos sindicatos".
Descargar todas as imaxes