Escoitar

A Mancomunidade organiza visitas programadas o ”Sendeiro das Greas” dende tódolos concellos

venres, 29 xuñ 2001
A partires do día 30 deste mes e ata o 22 de xullo ó redor de 540 persoas visitarán diferentes tramos dos 200 km. que percorre o sendeiro panorámico.

A Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo, en colaboración coa Federación Galega de Montañismo, inicia o vindeiro día 30 deste mes no Concello de Fornelos de Montes un ciclo rotativo de visitas ó “Sendeiro das Greas” aberto a tódolos cidadáns que o desexen.

Este sendeiro percorre 200 km. dos diferentes Concellos que conforman a Mancomunidade e o obxectivo deste programa de visitas é dalo a coñecer como unha alternativa de ocio e turismo.

Os percorridos serán cortos (de dez ou doce kilómetros) co fin de que a visita ós distintos lugares turísticos teña unha duración de tres ou catro horas como máximo. As saídas produciranse dende os Concellos sobre as dez da mañá con volta ó redor das catro da tarde. Tódalas visitas serán coordinadas por guías da Federación Galega de Montañismo e cun máximo de 45 persoas en cada unha delas.

As saídas están programas para o 30 de xuño no Concello de Fornelos de Montes: o 1 de xullo en Pazos de Borbén, o 3 e 5 de xullo en Vigo: o 7 deste mesmo mes en Porriño: o 8 de xullo en Redondela: o 10 e 12 sairase outra vez de Vigo: o 14 de Baiona, o 15 de Gondomar, o 21 de Nigrán e o 22 de xullo de Soutomaior.

As persoas que queiran inscribirse nalgunha destas saídas deben chamar a Federación Galega de Montañismo (Tlf 986 424331) a partires das sete da tarde. A Federación será a encargada de informar sobre o tipo de vestimenta que deben levar e aclarar tódalas dúbidas que teñan.