Escoitar

O Pleno pronúnciase a favor do trazado do segundo cinto de circunvalación

xoves, 28 xuñ 2001
imx390.jpg
O Pleno da Corporación municipal aprobou o proxecto do trazado do segundo cinto de circunvalación elaborado polo Ministerio de Fomento. No transcurso da sesión plenaria celebrada hoxe compareceu un representante dos veciños da parroquia de San Andrés de Comesaña, que manteñen a súa disconformidade sobre o trazado do segundo cinto.

O Ministerio de Fomento solicitou a conformidade de Concello de Vigo antes de proceder á exposición pública do proxecto do vial de circunvalación que, partindo de Puxeiros, rematará en Navia. O Ministerio incluíu no documento algunhas propostas do Concello como o enlace co vial da Universidade, os enlaces coa urbanización de Navia, un falso túnel en Valadares e a ampliación de varios viaductos.

O asunto que se aprobou co enunciado “pronunciamento do Concello sobre o proxecto remitido polo Ministerio de Fomento de trazado da circunvalación de Vigo conexión de Castrelos-Bouzas coa autopista Puxeiros-Val Miñor” levantou as discrepancias dos veciños da parroquia de San Andrés de Comesaña que asistiron á sesión plenaria para amosar a súa disconformidade. Un representante destes veciños compareceu ante o Pleno explicando que as modificacións ó proxecto prexudican á parroquia partíndoa á metade e defenden un trazado alternativo.

Segundo se recolle nas conclusións aprobadas hoxe dise que “en liñas xerais o proxecto ofrece unha solución razonable ós graves problemas de movilidade que existen na actualidade nunha ampla zona de Vigo, de forma que define unha vía que servirá nun futuro inmediato tanto para desconxestionar o suroeste da cidade, como para permitir a accesibilidade cara os polígonos industriais e residencias presentes e futuros, articulando o sistema viario da cidade de Vigo”.

Aparcamento subterráneo da rúa Urzaiz

A Corporación municipal aprobou, cos votos en contra do grupo socialista, a proposta de modificación ó proxecto de execución do aparcamento subterráneo da rúa Urzaiz. O dictame aprobado é a proposta do director dos servicios técnicos da xerencia deste mes de xuño a fin de acadar da empresa concesionaria a redacción dun proxecto adaptado a un novo sistema constructivo.

Na sesión de hoxe aprobáronse os proxectos de ampliación de saneamento nas parroquias de Lavadores, Bembrive, Comesaña e Valadares. En relación a asuntos de urbanismo aprobaronse os estudios de detalle Travesía de Vigo/ Aragón, Camiño da Raposa, Sarjurjo Badía, Agarimo e o plan parcial Recaré-2.

Outros asuntos que aprobou a Corporación municipal na sesión plenaria celebrada hoxe son a proposta de financiamento plurianual para a contratación do proxecto “ Peche perimetral do Vigo-Zoo e eliminación de barreiras arquitectónica” e o regulamento da Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil de Vigo.



Descargar todas as imaxes