Escoitar

Fomento reclama a titularidade de aproveitamentos urbanísticos en Finca do Conde

xoves, 28 xuñ 2001
O Ministerio de Fomento envioulle ao Concello un escrito indicando que os aproveitamentos urbanísticos dos terreos expropiados en Finca do Conde para a construcción do cinto de circunvalación son propiedade do Estado. Segundo o escrito, que chegou esta semana á Xerencia de Urbanismo, a transmisión da propiedade a prol do Ministerio tivo lugar no momento da ocupación dos terreos. Iso supón que cando se comezou a tramitar o proxecto de compensación a administración do Estado xa era propietaria dos terreos.

Unha vez recibido este informe, a Concellería de Urbanismo xa pode contestar os recursos interpostos contra a aprobación definitiva do proxecto de compensación do Pepri II-02 Finca do Conde. Eses recursos pedían a anulación do acordo de aprobación, adoptado en xuño de 1999, argumentando diversas inexactitudes respecto á titularidade dos terreos. As incorrección do proxecto de compensación son postas de manifesto agora no informe do Ministerio de Fomento.