Escoitar

Mañá estrease a película ”Castelao e os irmáns da liberdade”, patrocinada polo Concello de Vigo

mércores, 27 xuñ 2001
imx388.jpg
A longametraxe documental ”Castelao e os irmáns da liberdade”, dirixida por Xan Leira, estrearase mañá ás 20:30 no auditorio do Centro Cultural Caixanova, en conmemoración do referéndum do Estatuto Autonomía de 1936. A película conta coa colaboración do Concello de Vigo.

Este documental recolle os testemuños directos de políticos, familiares, artistas, profesores, escritores e doutros achegados á figura de Daniel Rodríguez Castelao. Con esta película preténdese amosar a verdade histórica que foi ocultada durante a dictadura e a transcendencia de Castelao nos ámbitos social, cultural e político, ”que se destacou pola defensa a ultranza dos intereses de Galicia”, explicou o director do filme.



Sinopse

Daniel Castelao é o home paradigmático do século XX en Galicia. O universalismo e humanismo que nutren a súa loita pola liberdade e a dignidade da súa terra e da súa xente convérteno nun líder incuestionable do pobo galego.

O terrorismo de Estado instaurado en 1936, rompe salvaxemente con todas as ilusións de cambio e tamén coas formas de loita e resistencia popular, traicionadas polo ”formalismo republicano”.

O fascismo fai do rápido triunfo en Galicia unha bandeira de éxito que Castelao tratará de denunciar e reverter para que esta falacia non se perpetúe como unha verdade histórica que castigue inxustamente o heroísmo e o compromiso republicano dos galegos.

A morte temperá de Castelao trunca a posibilidade de restablecer o goberno galego, como fixeron vascos e cataláns durante a transición española, e de reparar, como el quería, a interpretación equívoca do acontecido en Galicia no ano 1936.



Ficha técnica

TÍTULO: Castelao e os irmáns da liberdade
CATEGORÍA: Longametraxe documental
LINGUA DE RODAXE: Galego
FORMATO DE GRAVACIÓN: Vídeo dixital
FORMATOS FINAIS: Betacam SP (para televisión) e 35 mm. (para salas cinematográficas)
DURACIÓN: 77 min.
GUIÓN, DIRECCIÓN E PRODUCCIÓN EXECUTIVA: Xan Leira
PRODUCCIÓN: Acuarela Comunicación Sll
DISTRIBUCIÓN: Catro G
Descargar todas as imaxes