Escoitar

O servicio de axuda domiciliaria da infancia atendeu a máis de mil nenos o ano pasado

martes, 26 xuñ 2001
imx380.jpg
A Concellería da Muller presta o servicio de axuda domiciliaria á infancia, mediante un contrato con Mulleres Progresistas, cos obxectivos de fomentar a formación académica e ocupacional da muller, favorecer a súa incorporación ó emprego, potenciar e facilitar a participación nas actividades de asociacionismo e acadar tempo propio.

A concelleira Ana Gandón explicou que este servicio nunca recibiu subvencións da Xunta de Galicia, a pesar de ser solicitadas e de tratar de conciliar a vida laboral e familiar que se promove desde a Administración autonómica. O custe anual é de 19 millóns de pesetas e o 71% dos servicios prestados a título individual foi destinado a persoas que non superan as 300.000 pesetas de ingresos anuais. En total, ofrecéronse 8.260 horas de axuda domiciliaria durante o ano 2000.

A presidenta de Mulleres Progresistas, Beatriz Pereira, e a secretaria da asociación, Montse Lamas, sinalaron que con este plan dáse traballo a 20-22 persoas con titulación adecuada, como auxiliares de xardín de infancia ou auxiliares de clínica, que contan cun seguro de responsabilidade civil. O ano pasado atenderon a 1.139 nenos e prestaron 2.719 servicios.

Este servicio préstase desde o ano 1991, primeiro a través de convenios entre a Concellería da Muller e Mulleres Progresistas implantando o programa ”Kanguro” e desde 1998 realízase mediante contratación.

As mulleres que soliciten a prestación deste servicio deberán dirixirse ó Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller. Os requisitos económicos para conseguir este servicio son gañar un máximo de 90.000 pesetas netas anuais por unidade familiar cun fillo ó seu cargo ou 150.000 pesetas netas anuais por unidade familiar con dous ou máis fillos ó seu cargo. Os menores beneficiarios do servicio serán os que teñan unha idade inferior ós 10 anos, agás aqueles casos de emerxencia debidamente xustificados polo Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller.

Descargar todas as imaxes