Escoitar

A Deputación aporta 24.000 euros á Fundación Laxeiro para difundir a obra do pintor

A alcaldesa de Vigo en calidade de presidenta da Fundación Laxeiro, Corina Porr e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron esta mañá un convenio que permitirá promover e difundir a obra do artista José Otero Abeledo, Laxeiro, e apoiar o traballo dos novos talentos galegos a través dunha achega de 24.000 euros. Este acordo permitirá o desenvolvernento de actividades culturais como exposicións, obradoiros didácticos e actividades divulgativas que teñen por obxectivo dinamizar a vida cultural e artística da provincia de Pontevedra.

xoves, 3 xuñ 2004
1086340577conveniolaxeiro1.jpg
Sinatura convenio
Pola súa parte, a Fundación Laxeiro encargarase de catalogar as obras de Laxeiro que son propiedade da Deputación e elaborará unha memoria das actividades levadas a cabo gracias ós fondos aportados polo organismo, que deberá presentar antes de marzo do 2005.

O programa deseñado pola fundación para este ano inclúe exposicións temporais como a que presenta actualmente e ata o vindeiro 18 de xullo do artista lalinense Alvaro Negro, un dos novos valores galegos máis destacados dos últimos tempos. Entre o 16 de xullo e o 10 de setembro amosará, no andar baixo da Casa das Artes, unha exposición de Jorge Castillo, un dos discípulos de Laxeiro máis internacionaiss, e, finalmente, entre o 23 de xullo e o 12 de setembro ofrecerá unha nova entrega de debuxos de Laxeiro que é froito do labor de catalogación que a fundación está a levar a cabo dende o ano 2000.

Desenvolverá exposicións permanentes, como a mostra de 64 pezas que percorren a traxectoria vital do pintor, e itinerantes como "Laxeiro, obra gráfica dun mestre da cor". Actividades musicais como o "IV Festival Internacional de música contemporánea Fundación Laxeiro" , conferencias e proxectos de investigación, coa finalidade de sacar á luz un Catálogo Universal sobre Laxeiro. Así mesmo, dentro do proxecto Laxeiro 2008, no que se cumpre o centenario do nacemento do pintor, a Fundación está a preparar unha exposición antolóxica no museo MAMBA de Bos Aires coa finalidade de difundir a súa obra, así como para catalogar a obra de Laxeiro nesta cidade na que viviu 20 anos e na que existen cadros que aínda non están clasificados.
1086340577conveniolaxeiro1.jpg
1086340604conveniolaxerio.jpg
Descargar todas as imaxes