Escoitar

A Fundación Laxeiro clausura a a actividades escolar "O espacio azul"

O mércores, 2 de xuño, o Espacio azul recibirá ós últimos rapaces e rapazas do curso. Ese día remata a actividade Coñece a Laxeiro que a Fundación Laxeiro puxo en marcha no mes de outubro, para nenos de 8 a 11 anos.

martes, 1 xuñ 2004
1086087610foto2.jpg
Esta iniciativa, levada a cabo coa colaboración económica da Área Cultural de El Corte Inglés, convocou ó longo de todo o ano a un total de 2.000 alumnos da área metropolitana de Vigo que se achegaron á Fundación Laxeiro para, a través da obra do Mestre de Lalín, introducirse na Arte do século XX.

Durante o presente curso, pasaron polas instalacións da Fundación Laxeiro, nenos e nenas de colexios de Vigo e Baiona, Bueu, Cangas, Gondomar, Moaña, Nigrán, Porriño, Redondela, Santa María de Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño, Tui, Salvaterra, Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balneario.

Ó remate de cada visita, os profesores de cada centro cubriron un cuestionario de avaliación da actividade, obtendo, polo xeral, as máximas cualificacións, tanto polo deseño da actividade e a adecuación dos obxectivos, como pola competencia do equipo pedagóxico.

Nestas visitas, feitas en grupos de cincuenta nenos, os rapaces, unha vez feito un percorrido pola exposición da Colección Permanente, desenvolveron no Espacio azul, diversas actividades que xiraron en torno á vida de Laxeiro, as súas viaxes, a Galicia da época de Laxeiro, os diferentes estilos da súa traxectoria e a Festa expresionista, unha forma participativa de crear cadros partindo das premisas dun dos estilos nos que a obra de Laxeiro é máis significativa.

Esta experiencia, baseada na idea de: aprender xogando, mediante a ocupación do espacio museístico, terá a súa continuidade no mes de outubro, co inicio do vindeiro curso escolar.

Nestes intres, a Fundación Laxeiro está a traballar nun programa de visitas guiadas para adultos que se levará a cabo durante os meses de xullo e agosto.
Descargar todas as imaxes