Escoitar

A Marcha Mundial das Mulleres organiza un programa de actividades lúdicas

O cine-teatro FragaCaixaGalicia acollerá unha serie de actividades lúdico-festivas nas que se inclúen obras de teatro, proxeccións de cine e concertos levados a cabo por mulleres de recoñecido prestixio. A programación, baixo o título "Maio a toda marcha", enmárcase nas accións que A Marcha Mundial das Mulleres está a desenvolver neste mes con motivo da mobilización que terá lugar o días 22 e 23 de maio en Vigo e que espera congregar a miles de mulleres de toda Europa.

venres, 7 mai 2004
1083932436marcha.jpg
O 8 de maio as 22,00 horas, a compañía Belmondo porá en escena a obra de teatro Sidecar interpretada por Marta Pazos e Borxa Fernández e dirixida por Carlos Santiago e Montse Triola. A peza narra a viaxe de dous Beatniks perdidos entre Madrid e Bagdag na que a relación entre a parella, a poesía, a insolencia e a sociedade son os grandes eixes centrais da comedia.

O cine será outra das actividades desta programación. Así o martes 11 de maio as 20,30 horas proxectarase a película Thirteen dirixida por Catherine Hardwicke e que obtivo o premio á mellor dirección no Festival de Sundance. Baseada en feitos reais cun guión escrito e protagonizado pola moza que os viviu, conta a historia de Niki Reed, unha adolescente obsesionado pola imaxe, o sexo e as drogas.

O programa rematará o 20 de maio as 21,00 horas co concerto da Compañía Marful con Uxía Pedreira, Pedro Pascual, Xosé Manuel Budiño, Pablo Alonso e Marcos Teira.

Os obxectivos deste programa de actividades son promover as manifestacións artísticas e culturais que contan co protagonismo das mulleres e contribuir á oferta cultural da cidade. O programa "Maio a toda marcha" está aberto ó público en xeral e os prezos das localidades oscilan entre 4 e 6 euros.
Descargar todas as imaxes