Escoitar

O Concello esixe á Xunta unha estación de autobuses “óptima” e atención ás persoas sen teito

O alcalde anunciou que a semana pasada se remitiu unha carta á administración autonómica “para que adopte as medidas necesarias”.

luns, 10 ago 2026

Abel Caballero denunciou a situación da nova estación de autobuses, advertindo da existencia de problemas de limpeza, mantemento e funcionamento das instalacións. Caballero sinalou que “non hai aseos, non funcionan os paneis de horarios e hai lixo”, asegurando que as persoas usuarias teñen que desprazarse ata Vialia para utilizar os baños. Ante esta situación, reclamou á Xunta unha actuación inmediata e advertiu dun posible “problema serio de salubridade” nas instalacións.

O alcalde referiuse tamén á presenza de persoas sen fogar que dormen tanto na nova estación como, nalgúns casos, na antiga terminal. Caballero reclamou á Xunta que lles proporcione unha alternativa habitacional, xa sexa mediante unha pensión, un hostal ou unha vivenda. “A opción non é ignoralo, teñen que buscar unha solución habitacional”, afirmou, sostendo que se trata dunha responsabilidade da administración autonómica e aludindo aos recursos que recibe do Plan de Vivenda do Goberno de España.

Caballero contrapuxo a situación da terminal coa transformación experimentada pola súa contorna. “Temos Vialia, o HALO, a Praza de Vialia, a Praza da Estación ou a rúa Lepanto, e o peor de toda esa contorna é a estación de autobuses da Xunta”, afirmou. O rexedor incidiu na importancia da terminal como unha das portas de entrada á cidade e reclamou á Xunta que actúe tanto sobre o estado das instalacións como sobre a situación das persoas que pernoctan nelas.

Descargar todas as imaxes