VigoNature contará con novas actividades de educación ambiental durante os próximos dous anos
O Concello adxudicou o programa de actividades educativas de VigoNature para os próximos dous anos, cun importe de 130.000 euros. A iniciativa dará continuidade á transformación do antigo zoolóxico nun espazo dedicado á divulgación, á sensibilización e ao lecer vinculado coa natureza.
“Estamos facendo un cambio total para convertelo nunha aula da natureza e nun espazo medioambiental de referencia na educación ambiental”, explicou Abel Caballero. A programación incluirá actividades de divulgación e sensibilización sobre o medioambiente, aulas didácticas, celebracións especiais e campamentos, algúns deles vinculados ás cabanas situadas nas árbores do recinto.
O alcalde destacou as posibilidades que ofrecen as instalacións de VigoNature, que conta con zonas verdes, aulas multiusos, auditorio, planetario, reptilario, casa na árbore e invernadoiro. O obxectivo, explicou, é ofrecer á cidadanía “unha forma de entender e participar na rexeneración da natureza”.
Caballero tamén salientou que o Concello seguirá ampliando a vertente educativa e ambiental do recinto para consolidar VigoNature como un espazo de referencia para aprender, experimentar e gozar da natureza.