Vigo rexistra 100% de ocupación hoteleira na fin de semana de O Marisquiño
O alcalde destacou este luns o récord alcanzado “con todos os hoteis ao completo” tanto o venres como o sábado coa celebración da festa do deporte urbano, as actuacións musicais de Abraham Mateo e a representación da ópera Nabucco en Castrelos e o concurso internacional de piano, entre outras actividades.
Abel Caballero destacou os datos de ocupación turística deste verán, cun 96-97 por cento no mes de xullo e un 73 por cento en xuño. “Un verán turísticamente excepcional”, afirmou. Lembrou que o Concello é a única institución que afronta o financiamento de O Marisquiño con 1.350.000 euros, e que nin Xunta nin Deputación colaboran.
O rexedor indicou os “éxitos” alcanzados pola representación da ópera Nabucco este domingo no Auditorio de Castrelos, coa asistencia de máis de 12.000 espectadores, e polo concerto de Abraham Mateo o venres. “Unha acción turística e de dimensión cultural excepcional. Somos a cidade turística de todo o noroeste peninsular”, apuntou.