VigoCultura programa 26 espectáculos de outubro a novembro
O alcalde avanzou a programación municipal de artes escénicas para o segundo semestre deste ano: 16 propostas para público adulto, 9 para público familiar e o espectáculo de rúa inicial. O presuposto acada os 150.000 euros.
A programación de VigoCultura para o segundo semestre de 2026 desenvólvese desde o venres 3 de outubro e ata o 29 de novembro con propostas para todos os públicos de teatro, comedia, danza, maxia... O Concello dedica 150.000 euros a este programa que ofrece prezos moi accesibles “están moi subvencionados porque queremos que todo o mundo teña acceso á cultura”, apunta Abel Caballero.
Un espectáculo de rúa abre o programa o sábado 3 de outubro: “Diminuts” de “La fam Teatre”, un pasarrúas para todos os públicos de 60 minutos de duración que percorrerá a rúa do Príncipe. O resto das funcións representaranse no Auditorio municipal: os venres e sábados ás 20 horas as propostas para público adulto e os domingos ás 18horas as do público familiar.
A programación de adultos confórmase con 16 propostas:
◦ Venres 9 de outubro: estrea de “O que xermola do lume” de A Tríptica Teatro. Aborda os incendios forestais como ferida colectiva e punto de transformación
◦ Sábado 10 de outubro: “Begoña Caamaño, o transgredir das ondas” de Berrobambán. Percorrido pola traxectoria profesional e vital de Begoña Caamaño
◦ Venres 16 de outubro: “A velada de Londres” de Butaca Zero. Comedia co conde Drácula como protagonista
◦ Sábado 17 de outubro: “Poeta (perdido) en Nueva York” de El Aedo Teatro. Adaptación teatral dos poemas de Poeta en Nueva York coas cartas que Federico García Lorca escribiu á súa familia. Premio Max 2026 ao mellor deseño de produción privada, a obra estivo de xira por Londres, Romanía, Portugal e Francia
◦ Venres 23 de outubro: “Telma y Lola” de Teatro de Ningures. Comedia cun crime e un misterio por resolver
◦ Sábado 24 de outubro: “Bestseller, la obra que Lorca nunca escribió” de Horma Creativa. Comedia que satiriza sobre o postureo nas redes sociais, o ego e a necesidade de facerse viral no mundo cultural actual
◦ Venres 30 de outubro: “Girasoles para María. Homenaje a María Callas, Tina Turner, La Lupe y Celia Cruz” de Gretel Cazón. Espectáculo unipersoal musical que conta a vida dunha cantante de éxito e reflexiona sobre os seus temores e inseguridades
◦ Sábado 31 de outubro: “Esencia” de Teatro Español e Entrecajas Producciones. Unha obra que reflexiona sobre as nosas propias certezas, que foi Premio Talía 2026 ao mellor espectáculo e á mellor autoría
◦ Venres 6 de novembro: “Dentro y fuera. Pepe y Lucas”, de Etiqueta Negra. Comedia dos irmáns galegos que triunfan en TikTok co seu humor e creatividade
◦ Sábado 7 de novembro: “A furia de amanita” de Redrum Teatro. Drama sobre o dó, o choque xeracional e a conciencia social
◦ Venres 13 de novembro: “Contra Ana” de La Contraria. Teatro xestual de autoficción que retrata a anorexia desde a experiencia real da autora. Premio Max ao mellor espectáculo revelación 2025
◦ Sábado 14 de novembro: “O sangue das promesas: incendio” de Sarabela Teatro. Lanza unha mensaxe de esperanza por recuperar a dignidade e dar as costas á violencia e ao odio
◦ Venres 20 de novembro: “Los Hermanos”, coprodución de Festival Teatro Clásico de Mérida, Agencia Andaluza de Instituciones Culturales, GNP e Clásicos contemporáneos. Teatro-comedia clásica en clave contemporánea con música en directo e elementos de clown sobre dous modelos diferentes de educación. Premio Teatro Clásico de Mérida e de Córdoba.
◦ Sábado 21 de novembro: “Crónicas do rei pasmado” de Contraproducións. Versión teatral da sátira máis brillante de Torrente Ballester
◦ Venres 27 de novembro: “Ictus. Anatomía de A Derradeira Lección de Castelao” de Chévere Teatro. Proposta sobre como se constrúen as narrativas da memoria
◦ Sábado 28 de novembro: “Madness” de “Yllana”. Unha comedia musical sobre a vida nas marxes do sistema.
Haberá 9 propostas para público familiar:
◦ Domingo 4 de outubro: “Ándale! Bon Appetit! De Ghazafelhos”, unha comedia na que os chefs precisarán da participación do público
◦ Domingo 11 de outubro: estrea de “Fiadora de soños” de Baúl da Tía Lola. Historia divertida e emotiva sobre a amizade e a imaxinación
◦ Domingo 18 de outubro: “Mular o la gran captura” de Cinc Céntims Teatre. Proposta escénica contemporánea que reflexiona sobre a conservación da natureza, a identidade e a memoria colectiva. Premio FETEN 2026 ao mellor deseño de escenografía e caracterización
◦ Domingo 25 de outubro: “Commedia” de Píscore. Humor e música para ofrecer unha visión divertida da actualidade con novos instrumentos, astronautas, extraterrestres e naves espaciais
◦ Domingo 1 de novembro: “Únicos” de Da.te danza, danza contemporánea que propón unha viaxe existencial. Premio FETEN 2026 ao mellor espectáculo de danza
◦ Domingo 8 de novembro: “Que brisa, la risa. Espectáculo para primeira infancia” de María Escobar, para os máis pequenos, de 6 meses a 3 anos
◦ Domingo 15 de novembro: “Retranca e maxia” de Luís Boyano. Espectáculo de maxia e risa
◦ Domingo 22 de novembro: “Zepo Zapo” de Markeliñe Teatro. Espectáculo xestual que conta a historia dunha guerra a través de dúas soldados inimigas
◦ Domingo 29 de novembro: “Voo” de Teatro O Cubo, espectáculo contemporáneo de manipulación de obxectos, danza, música, movemento.