Escoitar

O X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo” congrega a 400 participantes de 77 países

O alcalde pon en valor a calidade do certame, que traerá á cidade a algúns dos pianistas con maior proxección internacional e convida á cidadanía a tocar o piano que estará na rúa do Príncipe, aberto a quen queira facelo soar.

xoves, 30 xul 2026

O X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo” celébrase do 7 ao 14 de agosto consolidado como unha das citas máis importantes de Europa e como o evento de música clásica máis internacional de Galicia. Este ano bate récord de participación con preto de 400 participantes inscritos de 77 países dos cinco continentes.

“Facemos de Vigo a cidade da Unesco a través da música” chanceou o rexedor apuntando ao “éxito -de convocatoria- deste certame internacional” durante a presentación do evento xunto a Pablo Galdo, o director e Jezabel Argüelles Martínez, da Asociación de Música Clásica de Galicia, organizadora.

O certame de 2026 estará dedicado ao pianista Alfred Brendel e, como parte da programación, haberá un piano de cola instalado na rúa Príncipe entre os días 7 e 14 de agosto, a disposición da cidadanía que poderá achegarse a interpretalo libremente. Para o rexedor “non sempre á fácil que se involucre a cidade e con esta iniciativa as viguesas e vigueses poden tomar parte activa no propio concurso”.

Pablo Galdo, director del Concurso Internacional de Piano, explicou que a principal novidade desta edición será a celebración do I Concurso Internacional de Piano Vigo Junior, que se conforma como un “trampolín” para os máis novos.

A programación oficial comezará o 7 de agosto con dous grandes recitais: o dos gañadores do concurso júnior e o gran concerto inaugural coa lendaria pianista Martha Argerich e Pablo Galdo. Amais a interpretación do Carnaval dos Animais, de Camille Saint-Saëns, contará coa narración do prestixioso actor británico Jeremy Irons, gañador dun Premio Óscar.

O X Concurso Internacional de Piano “Cidade de Vigo” reunirá a algúns dos pianistas con maior proxección internacional coa celebración dunha gran final o 14 de agosto no Auditorio Mar de Vigo xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia.

 

Descargar todas as imaxes