Chayanne encherá Castrelos nun dos concertos máis agardados do verán
O artista portorriqueño actuará ás 22:00 horas no auditorio municipal, con acceso gratuíto á bancada e á zona superior e reservas de 15 euros para a platea. Abel Caballero avanzou tamén que a Xunta de Goberno aprobará o XIII programa Vigo Cidade de Cor, dotado con 480.000 euros para continuar incorporando arte urbana ás medianeiras da cidade.
“Esta noite imos ter Castrelos a rebosar e gozaremos todas e todos unidos dun gran concerto de Chayanne”, destacou o alcalde. O cantante repasará algúns dos grandes éxitos da súa carreira nunha das actuacións que maior expectación xerou dentro da programación municipal de Vigo en Festas.
Caballero lembrou o modelo de acceso aos concertos do auditorio, coa bancada e a zona superior completamente gratuítas. As persoas que adquiriron unha reserva para a platea aboaron 15 euros, un prezo que o rexedor contrapuxo ao custo habitual das entradas para un concerto internacional destas características. “Temos esta cultura de gratuidade nos concertos de Vigo. Unha reserva para estar na platea custa 15 euros e o resto é completamente gratuíto”, sinalou o alcalde, quen animou a acudir a Castrelos e gozar da actuación.
Vigo Cidade de Cor
A Xunta de Goberno Local aprobará este venres o XIII Programa de Murais Vigo Cidade de Cor, cun investimento municipal de 480.000 euros. A iniciativa continuará recuperando e revitalizando a imaxe urbana mediante intervencións artísticas en medianeiras e outros espazos da cidade.
Desde a súa posta en marcha en 2015, o programa permitiu achegar á rúa a obra de artistas urbanos de proxección nacional e internacional, convertendo os percorridos cotiáns pola cidade nunha forma de acceso á arte contemporánea. “É unha forma magnífica de actualizar os espazos, de introducir a arte na rúa e de que a pintura se goce mentres se pasea pola cidade”, afirmou Caballero. Durante 2026 actuouse en 15 medianeiras, con 13 novos murais e a renovación doutros dous.
Vigo suma xa máis de 190 intervencións artísticas, unha cifra que, segundo o alcalde, sitúa a cidade “a nivel europeo, tanto pola cantidade como pola extraordinaria calidade dos murais”.