Escoitar

Zona Franca celebra a excelencia do tecido empresarial galego na Gala dos 7º Premios ARDAN

Abel Caballero celebrou a capacidade de emprendemento, de innovación e a aposta permanente pola excelencia empresarial de Vigo e da súa contorna. o delegado do Estado, David Regades, louvou a rigorosidade do informe e o prestixio de todas as empresas presentes no ranking.

xoves, 4 xuñ 2026

Case 500 representantes do mundo da empresa, da economía, da sociedade civil e das institucións aplaudiron as 14 empresas distinguidas e a ABANCA, Premio Especial á Traxectoria. O vestíbulo do Pazo de Congresos Mar de Vigo converteuse no epicentro da excelencia empresarial coa representación dos sectores empresariais, económicos, políticos e sociais de Galicia.

No evento, conducido pola xornalista Paula Montes, foron distinguidas cos Premios 2026 as empresas Hermasa, Ceamsa, CZ Vaccines, RodaVigo, Optare Solutions, Borgwarner Emissions, Ictel Ingenieros, Quobis Networks e Velneo, todas da área de Vigo, xunto ao Náutico de San Vicente, do Grove; Inasus, de Lalín; Cuvidasa, de San Cibrao das Viñas; e Torus Software e o Grupo Bermúdez, ambas da provincia da Coruña. As 14 empresas, 6 delas consolidadas, que xa obtiveran o Premio, e outras 8 emerxentes que o recibían por primeira vez, obtiveron 4 e 5 indicadores de excelencia, destacando en ámbitos decisivos como a solvencia, o crecemento, a rendibilidade, a produtividade, a innovación, a internacionalización, a sustentabilidade, o talento ou a igualdade.

Ademais, a Gala homenaxeou a ABANCA co Premio Especial á Traxectoria Empresarial, por “unha xestión eficiente, visión estratéxica e compromiso coa mellora continua, contribuíndo de forma decisiva ao progreso económico e á creación de emprego en Galicia”.

O delegado do Estado falou de como a excelencia empresarial tamén é un dos factores polos que esta área xa é unha referencia en España e en Europa. Unha cidade na que, da man do Concello e do alcalde, a nova revolución tecnolóxica entrou de cheo cun tecido empresarial que abrazou a innovación e que constituíu todo un ecosistema modelo no Estado. Regades lembrou que “fixemos do emprego tecnolóxico un eixo estratéxico, situando a área de Vigo como líder en España entre as cidades de máis de 200.000 habitantes, con case un 14% de emprego TIC, por riba de Madrid ou Barcelona e fronte á media estatal do 6%”.

Insistiu como factores de éxito na colaboración público-privada, nunhas empresas que apostan pola investigación e o coñecemento, sendo referentes globais nos seus sectores, e nas sinerxías entre as administracións. “Grazas a todo iso estamos logrando atraer proxectos moi potentes como os que lidera Zona Franca e todo xorde co valor das alianzas improbables, porque a forza de Vigo chega cando institucións, empresas e universidade se sentan a resolver xuntas desafíos concretos”. “Hai revolucións violentas que sementan guerras”, dixo Regades. “E hai revolucións que melloran o mundo. Esta é a nosa, a revolución do coñecemento, da tecnoloxía, da ciencia; a revolución que consegue atraer empresas de aeronáutica, aeroespacial, biotecnolóxicas, cuánticas, fotónicas, de IA, mobilidade, etc.; as empresas do futuro que xa son presente na Zona Franca de Vigo”.

O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, sinalou na súa intervención que “este galardón pon en valor o modelo de ABANCA e o camiño percorrido nestes anos por milleiros de profesionais, que converteron un proxecto ambicioso nunha sólida realidade. E, ao mesmo tempo, é un estímulo extraordinario para seguir traballando cada día polo progreso da nosa contorna”. 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o encargado de poñer o punto final á Gala, felicitando a ABANCA polo seu recoñecemento, así como ás 14 empresas distinguidas este ano. “Estes premios ARDÁN”, concluíu, “recoñecen a capacidade de emprendemento, de innovación e a aposta permanente pola excelencia empresarial da área de Vigo”.

Descargar todas as imaxes