Escoitar

Vigo incorpora obras de Granell e Cáccamo á Colección Municipal de Arte Galega

A tenente de alcalde, Carmela Silva, destacou a aposta da cidade pola cultura coa adquisición de dúas pezas de referencia que pasarán a formar parte da CMAG-Vigo.

xoves, 4 xuñ 2026

A Xunta de Goberno dará luz verde á incorporación da obra Cabalo surrealista, de Eugenio Fernandez Granell, á Colección Municipal de Arte Galega. O importe é de 33.000 euros. Trátase da primeira peza deste artista que pasa a formar parte da colección municipal. Realizada en 1946 durante o exilio do pintor na República Dominicana, a obra constitúe unha creación singular na que conflúen as influencias do surrealismo europeo e da estética caribeña. Segundo explicou Caballero, a peza dialoga coa imaxe do cabalo do Guernica de Picasso, pero transfórmaa nunha figura viva, sensual e dinámica, cunha exuberante paleta cromática próxima ao universo artístico de Wifredo Lam.

Carmela Silva destacou que a incorporación de Cabalo surrealista permitirá enriquecer a presenza dos artistas galegos que desenvolveron a súa traxectoria fóra de España tras a Guerra Civil.

O Concello tamén aprobará proximamente a adquisición de Talismanta (1989), da artista viguesa Berta Cáccamo, por un importe de 25.000 euros. Será igualmente a primeira obra da pintora incorporada ao inventario artístico municipal.

Nacida en Vigo en 1963, Berta Cáccamo foi unha das figuras máis destacadas da arte galega contemporánea. Formada en Barcelona e vinculada ao movemento Atlántica, desenvolveu unha recoñecida carreira artística que a levou a expor en institucións nacionais e internacionais e a formar parte de importantes coleccións públicas e privadas.

Talismanta pertence á serie de obras realizadas entre Barcelona e Galicia a finais dos anos oitenta, coincidindo coa consolidación da súa primeira etapa creativa. Considerada unha das pezas máis representativas deste período, permitirá completar a presenza dunha das artistas galegas máis relevantes das últimas décadas nunha colección que continúa medrando como patrimonio de toda a cidadanía viguesa.

“Seguimos ampliando a colección municipal de arte porque é patrimonio de toda a cidade e que nos sitúa como un dos grandes referentes en adquisición da obra de artistas, homes e mulleres, de Galicia”, concluíu Silva.

Descargar todas as imaxes