O alcalde ratifica o seu compromiso co impulso do audiovisual para situalo na vangarda europea do sector
Abel Caballero defendeu este mércores, ante os profesionais da cultura e do sector audiovisual que participan na xornada organizada pola Fundación Provigo “Vigo ante o seu futuro: a industria cultural ante unha economía en transformación”, a transcendencia de que a cidade “se prepare moito máis rápido do que o vimos facendo” na adopción dos cambios que experimenta o mundo da imaxe.
“A dimensión de Vigo crece de forma exponencial. Somos unha cidade referencia en España e Europa e por iso temos que analizar ben por onde van ir as claves do desenvolvemento dos avances da cultura e prepararnos”, afirmou o alcalde na súa intervención durante o encontro no que participaron os concellais Elena Espinosa e Gorka Gómez.
Ante os novos modos e soportes para “vehicular” a cultura, coa imaxe como un dos eixos centrais, o rexedor apelou á ambición do sector audiovisual, co apoio do Hub que desenvolve Zona Franca, para desenvolver todas as súas posibilidades e non restrinxir a súa actividade coa especialización. “Queremos estar en todo. Aquí non hai especializacións para acceder ás grandes plataformas, e ímolo facer, gústelle a algúns ou non, porque temos forza e capacidade para facelo”, recalcou.
Caballero incidiu no apoio do Concello e Zona Franca ao Hub Audiovisual “para estar na vangarda das novas formas de transmisión do mundo cultural e o audiovisual”.