Escoitar

Vigo activa o Bus Turístico de verán con catro saídas diarias ata o 30 de setembro

O servizo partirá de Cánovas del Castillo e percorrerá espazos emblemáticos como O Castro, Castrelos, Bouzas, Samil e o Pazo de Castrelos.

martes, 2 xuñ 2026

Para o alcalde é "unha magnífica forma de ver Vigo, de gozar Vigo e de vivir Vigo". Desde o 1 de xuño e ata o 30 de setembro, o Bus Turístico ofrecerá saídas ás 10:00, 12:00, 16:30 e 18:30 horas desde a rúa Cánovas del Castillo.

Trátase dunha proposta que permite descubrir Vigo dunha forma cómoda, accesible e atractiva. Nun percorrido de aproximadamente 90 minutos, as persoas usuarias poderán coñecer o centro da cidade, a Fortaleza do Castro, o Pazo Quiñones de León, o barrio histórico de Bouzas, o parque de Castrelos e a praia de Samil, entre outros espazos de interese.

O autobús conta con audioguías en oito idiomas —castelán, galego, portugués, inglés, francés, alemán, italiano e ruso—. Ademais, o servizo está adaptado para persoas con mobilidade reducida, dispón de auriculares e conta con teito despregable para garantir o seu funcionamento en calquera circunstancia meteorolóxica.

A nova temporada mantén tamén o sistema Hop On-Hop Off, que permite ás persoas viaxeiras descender nas paradas do Castro, Pazo Quiñones de León e Samil e reincorporarse posteriormente ao percorrido durante a mesma xornada, sempre en función da dispoñibilidade de prazas.

Descargar todas as imaxes