O alcalde destaca a proxección de Vigo tras o desfile das Forzas Armadas
Miles de persoas participaron nos actos celebrados na cidade, que contou coa presenza dos Reis e da Princesa de Asturias no desfile celebrado en Samil. “A nosa homenaxe ás FFAA e o éxito total para Vigo cunha gran afluencia de turistas e visitantes”, declarou.
Abel Caballero destacou a extraordinaria repercusión que tivo a cidade a nivel estatal, converténdose durante varios días no “centro da atención mediática de toda España”, acollendo actos de grande relevancia como a revista naval na ría, as exhibicións militares e o gran desfile celebrado na avenida de Samil.
Caballero puxo en valor a estreita vinculación histórica da cidade coas Forzas Armadas, lembrando especialmente o papel da antiga ETEA, onde se formaron miles de profesionais ao longo das últimas décadas. O alcalde destacou que a cidadanía respondeu ante todos os actos convocados. “Nunca houbo tanta xente en Samil”, afirmou.
O rexedor subliñou a importancia institucional dos actos, presididos polos Reis de España e a Princesa de Asturias, poñendo en valor que esta fose a "primeira ocasión" na que Leonor de Borbón presidiu un desfile das Forzas Armadas, un feito que cualificou de "histórico".
En canto á repercusión económica e turística da elección de Vigo como sede do Día das Forzas Armadas 2026, Caballero resaltou o impacto en hoteis, restaurantes, comercios e establecementos hostaleiros, cunha ocupación e actividade extraordinarias. “Foi un éxito total para Vigo”, concluíu.