O Concello inicia as obras de ampliación da grada de Tribuna
“A grada de Tribuna está en marcha. Imos ter un campo para 41.000 espectadores”, avanzou o alcalde durante a súa visita este mércores ao Estadio Municipal de Balaídos onde comezou a obra física de retranqueo dos colectores de saneamento situados na contorna desa bancada.
Tal e como explicou Caballero, as obras de ampliación do estadio municipal de cara ao Mundial 2030 precisan unha actuación “de envergadura” nas infraestruturas de saneamento existentes. Así cómpre retranquear uns 30 metros, ata a altura de Manuel de Castro, dous “grandes colectores”: o do río Lagares e o de Fragoso, que discorren paralelos a Tribuna, a escasa distancia dos accesos ao estadio, nunha zona que é “inundable”.
Trátase dunha actuación complexa, en palabras do rexedor, cuxas proxeccións do solo comezaron hai xa dez meses e que rematarán coa instalación de tubaxes de 1,5 metros de diámetro a 5 ou 6 metros de profundidade. A obra, executada por Aqualia con cargo ao Plan de Investimentos municipal, ten un orzamento de 2.821.994 euros.
O alcalde explicou que unha vez acometido o retranqueo, o Concello poderá traballar en Tribuna “imos en tempo e forma, é parte da grada de Tribuna polo que debemos pagar a terzos”. Con todo lamentou que tanto a Xunta como a Deputación teñan declarado abertamente a súa negativa a financiar a obra. “Faremos un informe técnico para reclamar as cantidades que lle corresponden a cada institución. Pretendían que quedaramos fóra do Mundial, que non nos dera tempo a facer as obras”.
Co inicio desta actuación “a grada de Tribuna está marcha. Imos ter un campo para 41.000 espectadores”, apuntou Caballero.