Caballero destaca a mellora enerxética en 104 vivendas da Avenida Castelao
O alcalde visitou esta mañá, coas concelleiras María Xosé Caride, Yolanda Aguiar e Nuria Rodríguez, as obras de rehabilitación realizadas nos números 68 e 70 da Avenida de Castelado, situados na contorna residencial de rehabilitación programada para a mellora enerxética de Coia.
O Concello de Vigo achegou 2.190.724 euros para mellorar 104 vivendas dos dous edificios, dos que 1.255.002 euros, o 57,28 por cento do total, correspóndense coa subvención municipal.
Nas obras do número 70 o Concello achegou 350.423 euros dos 571.017 euros do investimento total nas obras que conlevan a mellora da eficiencia enerxética das 43 vivendas. Cada propietario contou cunha axuda de 8.149 euros. A axuda alcanza o 65 por cento do gasto subvencionable e supoñerá unha redución anual do consumo de enerxía primaria non renovable do 55,2 por cento.
O Concello subvencionou con 904.579 euros as obras realizadas no número 68, onde se realizou unha intervención por valor de 1.619.707 euros coa finalidade de mellorar un total de 59 vivendas. A intervención suporá un aforro anual de enerxía do 47,8 por cento.
A Área de Rehabilitación Integral de Coia solicitada polo Concello ao IGVS fpi aprobada coa inclusión de 217 edificios e 4.619 vivendas. O programa de barrios en Coia seleccionou 18 edificios que afectan a 329 vivendas, cun orzamento total de 5.829.974,34 euros e unha subvención de 3.741.838,05 euros. A axuda é dun 64,18% do orzamento total. Están rematadas as obras en 14 edificios e quedan 4 edificios en execución.