Vigo amplía a senda do Lagares coa apertura do renovado tramo do polígono de Miraflores
O alcalde achegouse esta mañá á apertura do renovado tramo da senda fluvial do Lagares no polígono de Miraflores. Este treito conecta os dous tramos do río en Sárdoma logo dunha rehabilitación que garante a peóns e ciclistas transitar de forma segura.
Abel Caballero destacou o avance na execución da senda fluvial do Lagares coas obras realizadas nos 426 metros do tramo do polígono de Miraflores que completan a senda pola marxe dereita do río desde a estrada de Moledo.
O proxecto, ademais de mellorar o espazo co derrubamento de antigas instalacións abandonadas e coa recuperación e limpeza das marxes do Lagares, proporciona seguridade a peóns e ciclistas coa construción dunha senda que conta con dúas varandas de madeira que serven de separación entre o tráfico automobilístico e o curso do río.
A intervención incluíu a plantación de 780 árbores e arbustos ao longo do paseo e que nestes momentos ten completados 12 quilómetros contínuos da senda fluvial desde Cabral ata a praia de Samil. “Continuaremos facendo máis zonas, pero esta é a parte nuclear dun río que ten 17 quilómetros, dos que 12 son xa un paseo estruturado”, afirmou ao recomendar á cidadanía para pasear polas zonas xa recuperadas.
Turismo
Vigo rexistrará estas vacacións de Semana Santa unha ocupación hoteleira do 75 por cento, unha cifra que se incrementará, remarcou o alcalde, xa que os hoteis continúan rexistrando hoxe novas reservas que apuntan a posibilidade de alcanzar o 90 por cento.
“Isto é que Vigo é unha potencia turística e que estamos por encima de calquera outra cidade de Galicia, xerando emprego, valor engadido e fortalecendo o comercio”, afirmou.