Caballero censura a falta de respaldo da oposición á hora de esixirlle apoio económico á Xunta e Diputación
No Pleno da Corporación Municipal de marzo nin os concelleiros do Partido Popular nin os do BNG votaron favorablemente a petición de que estas administracións públicas acheguen fondos para ampliar Balaídos ou para implementar voos no Aeroporto de Vigo.
Abel Caballero comezou referíndose á ampliación da bancada de Tribuna sobre a que se debateu no Pleno celebrado onte. As forzas da oposición votaron en contra de exisirlles financiamento tanto ao ente autonómico como ao provincial. "O Partido Popular de Vigo e o Bloque de Vigo non apoian que a Xunta de Galicia e a Deputación paguen cada unha un terzo da obra" para que Balaídos poida acoller encontros do Mundial 2030.
O alcalde valorou a importancia de contar cun evento desa magnitude na cidade, explicando que vai ser “un mundial que vai dar a volta ao planeta e no que en Vigo queremos estar”. Caballero destacou a actitude negativa de PP e BNG, reiterando que “unha vez sae a proposta para a FIFA de que Vigo se incorpore como sede”, ambas formacións, “din que non queren apoiar porque non coñecen o custo”. Rematou facendo fincapé no papel dos populares, explicando que “na Coruña tampouco o coñecían o proxecto e a inversión e estaban apoiando”.
Aeroporto de Vigo
O primeiro edil da cidade tamén se mostrou disconforme coa posición no Pleno de PP e BNG no tocante ao aeroporto de Vigo e lembrou que “cando financiaban voos en Santiago desde a Xunta, o Partido Popular de Vigo estivo calado” e agora “cando lles dicimos que paguen tamén en Vigo un terzo cada administración, o Bloque e o PP non o apoian”. Caballero censurou á portavoz do Grupo Popular, sinalando que “minte ao dicir que non fixeramos ningún acordo coa Deputación cando gobernaba Carmela Silva para financiar voos”, xa que no ano 2016 asinouse un convenio para promover voos con Valencia, Palma e Ibiza.
Cubrición de patios de colexios
Tamén se referiu Caballero ao ámbito educativo, lembrando que no Pleno, o goberno local solicitou á Xunta de Galicia un plan de cubrición de patios, lembrando que o Concello xa cubriu 10 instalacións de recreo e está a traballar noutras dúas. Caballero destacou a necesidade de que a Xunta asuma a súas competencias en materia educativa cubrindo os patios dos colexios e “o Partido Popular votou que no”.