Escoitar

O Concello enviará un convenio á Xunta e Deputación para que confinancien a Festa da Reconquista

O alcalde puxo en valor este martes o “éxito apoteósico” da Festa da Reconquista celebrada a pasada fin de semana no Casco Vello con máis "afluencia de xente que nunca”, elevados niveis de ocupación hoteleira, así como un incremento dun 219% dos usuarios do transporte público.

martes, 31 mar 2026

Apenas un día despois do "éxito apoteósico" da celebración, Abel Caballero anunciou hoxe que remitirá á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a proposta de convenio para materializar o acordo unánime do Pleno da corporación municipal celebrado este luns para que estas dúas administracións realicen a mesma achega que o Concello de Vigo á Festa da Reconquista.

O alcalde lembrou que a aportación municipal ascende a 250.000 euros anuais e sinala que a débeda da Xunta ascende a 1 millón de euros e a da Deputación a 500.000 euros, tendo en conta as cantidades non achegadas nos últimos anos.

En todo caso, Caballero confirmou que “estean ou non a Xunta e a Deputación Provincial de Pontevedra”, a Reconquista de Vigo será recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, “igual que nos encargamos de que se recoñecera como Festa de Interese Turístico Nacional". Advertiu de que será o Concello o que se encargue desa promoción explicando que a presentación terá que realizarse cando exista a seguridade de que se reúnen todos os requisitos. "Eu me encagarei de que o sexamos e de presentalo para gañar cando sexa o momento”, remarcou. 

Descargar todas as imaxes