A Empresa Municipal de Vivenda arranca coa construción de 200 pisos en Santa Cristina
O Concello avanza na posta en marcha da Empresa Municipal de Vivenda coa aprobación da memoria xustificativa. Parte dun capital inicial de 8,6 millóns aportados integramente polo Concello.
O alcalde presidiu esta mañá a comisión de estudo para a creación da Empresa Municipal de Vivienda de Vigo EMVIGO para aprobar a memoria xustificativa para a súa constitución. Tal e como explicou, parte dun capital inicial de 8,6 millóns -que poderán ser ampliados transferidos integramente desde o Concello coa finalidade de actuar na urbanización, promoción e construción de vivenda protexida a prezo taxado e xestión de alugueiros.
A actividade desta Sociedade Anónima arrancará coa construción de 200 vivendas en Santa Cristina, 27 en Esturáns e, eventualmente, en Barreiro. Caballero detallou que tamén actuará na rehabilitación de vivendas nas chamadas zonas ARIS (Áreas de Rehabilitación Integral) con fondos procedentes na súa totalidade do Goberno de España. Así mesmo, a Empresa Municipal asumirá a compra de vivendas para incorporalas ao mercado de alugueiro a prezo asequible.
A viabilidade da empresa está garantida como demostran, entre outros métodos, a análise baseada na taxa interna de retorno (TIR), explicou Caballero. O Concello dá así “un paso fundamental” porque a Xunta “abandonou” a vivenda en Vigo, nos últimos 17 anos construíu 0 vivendas de alugueiro a prezo taxado.
Caballero rematou referíndose á tramitación pendente xa que faltan informes do Interventor, do Secretario municipal e Xunta, todos eles preceptivos para que a comisión emita informe favorable que posteriormente se elevará a Pleno para a súa aprobación.