Abel Caballero: “É esperpéntico que Louzán traia á FIFA a visitar 10 sedes cando España ten 11 concedidas”
O alcalde repasou pormenorizadamente os estadios e as entidades públicas que financiaron as reformas, recordándolle á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que “o Goberno de España non pagou ningún campo. Eles costearán cuestións que estean no ámbito das comunicacións e das infraestruturas que lle corresponden, tal e como avanzaron desde o inicio”.
Na tarde de onte, o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, confirmou que a principios do mes de marzo os técnicos da FIFA visitarán as sedes seleccionadas para o Mundial 2030. Abel Caballero cualificou este feito de “esperpéntico”, reflexionando sobre o papel da Federación "traendo á FIFA a visitar 10 sedes cando España ten 11 concedidas”. O presidente do ente federativo tamén alegou que non existen novidades no proceso, cuestión que desmentiu o rexedor vigués. Sinalou que hai unha gran novidade, xa que Vigo reúne todas as condicións que esixe a FIFA para ser cidade sede do Mundial 2030” e con “moitos máis avances que outros campos que están entre os propostos neste momento”.
“A Vigo non o van visitar porque Louzán non lle enviou o nome da cidade” o que cualificou como “un ataque frontal contra Vigo”. Caballero tamén explicou que “o presidente da Xunta quere que sexa Coruña. E se non é Coruña, Vigo tampouco”. O alcalde repasou pormenorizadamente os estadios e as entidades públicas que financiaron as reformas:
- Camp Nou (Barcelona) – financiado polo clube
- Santiago Bernabéu (Madrid) – financiado polo club
- Metropolitano (Madrid) – financiado polo club
- Cornellá (Barcelona) – financiado polo club
- La Cartuja (Sevilla) - financiado pola Xunta de Andalucía
- San Mamés (Bilbao) - financiado polo Goberno vasco, Deputación foral, Concello, club e fondos de inversión
- Anoeta (Donostia - San Sebastián) – financiado polo Goberno vasco, Deputación foral, Concello e club
- Gran Canaria (Las Palmas) - financiado polo Cabildo de Gran Canaria
- Nova Romareda (Zaragoza) - financiado polo Concello, Goberno de Aragón e club
- Riazor (A Coruña) - financiado Concello, Deputación e Xunta de Galicia
Finalizou Caballero recordando que este luns viaxará a Madrid para contarlle todo isto á ministra de Deportes do Goberno de España”, sinalando que “esa estratexia de ir contra Vigo xa a rebentamos dende a cidade”.