O Concello aproba o V Plan de Igualdade para “ser referentes en toda España”
A Xunta de Goberno aprobou o V Plan Integral de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da cidade de Vigo, que estará vixente no período 2026–2030.
Segundo explicou o rexedor, “trátase dunha folla de ruta ambiciosa que ten como obxectivo converter Vigo nunha cidade máis xusta, máis libre e libre de desigualdades, situándose como referente en toda España en materia de igualdade e loita contra as violencias machistas.”
O plan inclúe 154 medidas concretas que reforzan o compromiso do Concello coa igualdade efectiva entre mulleres e homes, co feminismo e coa loita decidida contra a violencia de xénero. “A igualdade debe ser un eixo transversal de todas as políticas municipais. Todo o que fagamos ten que facerse desde a igualdade”, subliñou o alcalde.
Caballero destacou que estas actuacións responden a cuestións “da máxima importancia para a democracia, a xustiza social e o progreso colectivo” e puxo en valor o traballo colaborativo levado a cabo para a súa elaboración, no que participaron colectivos de igualdade, movementos feministas, entidades sociais, profesionais e a propia cidadanía, cun papel especialmente relevante do Consello Municipal da Muller.
O V Plan estrutúrase arredor de varios ámbitos prioritarios, entre os que se atopan a gobernanza con perspectiva de igualdade; unha economía que poña a vida no centro, a corresponsabilidade e o empoderamento e participación das mulleres, unha mirada feminista do urbanismo, a seguridade e a acción climática.
Así mesmo, o Concello reforza a protección das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, incorporando medidas de prevención, sensibilización social, atención integral e acompañamento, actuando tamén sobre as causas estruturais da explotación como a demanda, a desigualdade económica ou a falta de alternativas reais.