Escoitar

O Concello avanza na remodelación urbanística do contorno da Praza de España

A Xerencia de Urbanismo dará luz verde o martes a un novo convenio urbanístico no contorno da Praza de España. Concretamente, afectará ás tres mazás situadas entre Gran Vía e as rúas Conde de Gondomar e Fernando Conde.

venres, 30 xan 2026

O Concello avanza a “velocidade de cruceiro” no desenvolvemento urbanístico da Praza de España. O alcalde anunciou que o a Xerencia de Urbanismo aprobará o martes que vén o convenio de execución do planeamento sobre as parcelas das tres mazás situadas entre Gran Vía e as rúas Conde de Gondomar e Fernando Conde. Segundo explicou, a chamada mazá 1 (delimitada polas rúas Manuel Olivié, Conde de Gondomar e Fernando Conde) permanece igual, coa xa existente edificación catalogada e protexida -antigo chalé de Enrique Lorenzo-. No caso da mazá 2 (delimitada polas rúas Santo Amaro, Conde de Gondomar e Manuel Olivié), o PXOM prevé unha superficie de 400 m2 destinados a sistema local de espazos libres e zonas verdes que se obterán mediante convenio. Esta parcela é a única non edificada desta mazá e será cedida ao Concello para a creación de zonas verdes.

Por último, Caballero referiuse á parcela na que actualmente está situada a gasolineira. O Plan Xeral prevé nela a execución dun edificio de vivenda colectiva con cesión de espazos verdes de máis de 500 m2 a través dun convenio.

Caballero explicou que nestes momentos xa están en tramitación todos os convenios urbanísticos de Praza España – a excepción dun- o que permitirá avanzar no remate do anel perimetral para conseguir, no seu momento, a semipeonalización da Praza. Así mesmo, estes acordos tamén facilitarán a cesión de espazos verdes e a construción dos solares actualmente baleiros. Posteriormente e a través de estudos de detalle que comezarán de xeito inmediato, garantirase a calidade estética das edificacións.

 

Descargar todas as imaxes